Os máis de 250 quilómetros que separan as localidades do Barco de Valdeorras e Camariñas non foron un obstáculo para que un grupo de persoas usuarias de Disvalia (Asociación de Persoas con Discapacidade da comarca de Valdeorras) se desprazaran ata a Costa da Morte. Unha viaxe de máis de tres horas que tiña como obxectivo “vivir a experiencia de navegar a bordo do veleiro Laion, grazas ao proxecto Galicia Vela Adaptada, que achega a persoas con mobilidade reducida á navegación a vela”, aseguran dende COGAMI.
Este proxecto viu a luz en 2002, cando o veleiro foi incautado ao narcotráfico e cedido en garda e custodia á asociación Adisbismur, tamén integrada en COGAMI, á que pertence Disvalia. Dende entón, o Laion ten facilitado que persoas con discapacidade poidan gozar das actividades náuticas, ao estar adaptado para embarcar a persoas con mobilidade reducida. Nesta edición, o proxecto conta co respaldo económico da Deputación da Coruña, reforzando así a súa continuidade e o compromiso coa inclusión no deporte.
O Laion, de 13 metros de eslora, conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. Cunha tripulación formada por persoas voluntarias, Noemí Bermúdez e Marcos Trillos, os dous patróns da embarcación que son membros da asociación Cataventos, aos que se lles unirán outras catros persoas voluntarias que se irán alternando nas travesías.
Dende COGAMI agradecen “esta colaboración desinteresada porque permite desenvolver este programa Galicia Vela Adaptada, un proxecto tanto achega a navegación ás persoas con discapacidade como tamén contribúe na sensibilización, concienciación e inclusión social”.



