
Unha punta palmela, unha doa oculada e unha agulla ou alfinete. Son obxectos recuperados décadas atrás nas escavacións realizadas no Castro da Saceda (Cualedro), situado aos pés da Serra do Larouco, e que veñen de ser escollidos polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense como “Peza do Mes de Outubro”.
Proceden do sector máis setentrional do castro ou porta norte e foron recuperados nunha das campañas arqueolóxicas dirixidas polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero entre 1982 e 1984. Estas intervencións permitían “descubrir un importante sector no recinto superior ou acrópole así como a entrada máis setentrional do xacemento ou porta norte. Lugar onde foron atopados os materiais aquí descritos”, tal e como explica Martiño Xosé Vázquez Mato no texto explicativo sobre a Peza do Mes que publica o museo ourensán. Este arqueólogo será asemade quen realizará a presentación deste conxunto de obxectos no acto previsto para o 14 de outubro ás 20h. na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco en Ourense.
Trátase de materiais dunha cronoloxía diferente e que deixan aberta a posibilidade de que este poboado estivese ocupado dende o Calcolítico ata a Romanización. Así a punta palmela (elaborada en cobre con impurezas de níquel) sitúase, segundo o estudo realizado pola investigadora Beatriz Comendador, en torno ao 2.000 antes de Cristo, nun “contexto cultural Calcolítico-Campaniforme”, citando de novo ao arqueólogo que fará a exposición.
No referente á doa oculada (de pasta vítrea) “pódese propoñer unha orixe que podería remontarse ata o século IV a.C. aproximadamente, estando vixente o seu uso ata a Fase III como apuntan modelos semellantes encontrados en castros tardíos da provincia de Ourense, como Santomé ou San Cibrao de Las, ou en xacementos propiamente romanos como o campamento militar de Aquae Querquennae”, segundo expón Vázquez Mato na publicación sobre estas pezas. Finalmente, a agulla ou alfinete (de bronce) enmárcase dentro da Fase III da Cultura Castrexa, “un período que arrancaría a finais do século II a.C. e perduraría ata o cambio de era”, indica este arqueólogo.