Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

Merelles: “Un goberno galego con Rueda á cabeza é o único garante para avanzar na vertebración do noso rural creando emprego e favorecendo o emprendemento”

Este membro da candidatura do PP por Ourense visitaba esta mañá as instalacións da empresa Autoneum na Rúa

 

Xosé Manuel Merelles, membro da candidatura ao Parlamento galego polo PP de Ourense, percorría esta mañá a feira de Viloira (O Barco) e despois trasladábase ata A Rúa para visitar a fábrica Autoneum. Nesta xornada destacaba que un goberno autonómico encabezado por Alfonso Rueda é o único garante para conseguir que “Galicia siga a funcionar” porque avoga polo deseño “dun modelo territorial con oportunidades para todos os seus habitantes, con independencia de que residan en contornas rurais ou urbanas, no que se cree emprego e se favoreza o emprendemento e o asentamento de novos negocios”.

Xosé Manuel Merelles, sinalaba, logo de visitar as instalacións da empresa de automoción Autoneum, que Valdeorras conta con grandes recursos e activos para impulsar o seu crecemento definitivo en termos de innovación e tamén de proxección turística. “Na comarca instálanse na actualidade diversas empresas de matriz internacional dedicadas a diferentes sectores relevantes como as solucións tecnolóxicas de hardware e software, o eido da lousa ou o da automoción, como é o caso de
Autoneum, a cuxa fábrica me despracei hoxe para coñecer de primeira man o traballo que nela se realiza”, aseguraba Merelles.

Autoneum singularízase, dicía o candidato popular, por “ser a evidencia de que o tecido empresarial emprazado no noso rural, pode xogar na liga da primeira división”. Pertence a un grupo con máis de 45 plantas emprazadas en 26 países diferentes, cunha cifra global de emprego próxima aos 10.000 traballadores e “a fábrica de Valdeorras é unha das máis produtivas do grupo”.

 

 

Malia á “indiscutible relevancia que estas grandes firmas xogan nas nosa comarca, dende o PP, é o noso desexo impulsar e dinamizar tamén a pequena empresa e o pequeno comercio. “Incrementaremos a taxa de actividade emprendedora”, destacou quen ata hai pouco foi director da Axencia de Turismo de Galicia (cargo do que cesou para se integrar na candidatura popular por Ourense ao Parlamento galego).

“Está claro que o horizonte presenta unha serie de oportunidades e neste contexto, implantaremos o Bono Rural Emprende, concibido para impulsar iniciativas de emprendemento en concellos de menos de 5.000 habitantes, con axudas económicas de 10.000 euros para a creación de empresas innovadoras no rural, xerando emprego de calidade”, apuntaba Merelles, matizando que,  precisamente, neste punto, “preséntase unha gran oportunidade para o rural de Valdeorras, onde por outro lado, queremos desenvolver importantes iniciativas de impulso turístico”.

Neste sentido, o candidato polo PP tamén afirmou que eido empresarial e industrial e o turístico poden e deben darse a man e de xeito xa se están a planificar actividades para impulsar a comarca como un destino referente de turismo industrial.

Arredor dos activos industriais da comarca, “poderemos desenvolver un plan de acción que tamén teña en conta, ademais, outras singularidades e valores diferenciais deste territorio como os seus recursos enogastronómicos, o seu patrimonio natural e arquitectónico ou todos os elementos etnográficos ligados á cultura do viño”, afirmaba Merelles.

Artigos relacionados

Back to top button