CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

“Merendas con contos” na Biblioteca Municipal de Sober

O programa de animación á lectura continúa con actividades ao longo dos meses de abril, maio e xuño
A primeira actividade é “A volta ó mundo en 80 libros”.

O programa de animación á lectura “Merendas con Contos” continúa cunha extensa programación cultural os venres na Biblioteca Municipal do Concello de Sober en horario de 17:30 a 19horas.

Abril será o Mes dos Libros con actividades de todo tipo destinadas a fomentar a lectura entre os máis pequenos. Este venres, día 7 desenvolverase a actividade titulada “A volta ó mundo en 80 libros”. Partindo da novela de Julio Verne, os máis pequenos elaborarán un mapamundi que levará tarxetas con títulos e autores de todos os países do mundo, seguindo a ruta marcada polo escritor francés.

O venres 21 as “Merendas con Contos” conmemorarán o Día do Libro, que se celebra o 23 de abril. Haberá unha exposición sobre “A volta ó mundo en 80 libros” e outra sobre o escritor Julio Verne. Organizarase ademais a 5ª edición do Mercadiño de Libros e un Bookcrossing, no que se liberarán libros no parque infantil. Ademais, o sábado 22, a Biblioteca conmemorará tamén o Día do Libro coa actividade “Un libro un agasallo”, na que durante toda a mañá as persoas que se acheguen á Biblioteca poden levar un libro de regalo.

O último venres de mes, día 28 de abril, os cativos da vila asistirán a un concerto de solistas da Escola Municipal de Música de Sober previsto para as seis da tarde no Salón de Actos do Centro Sociocultural.

As actividades de fomento da lectura continuarán ao longo dos meses de maio (centradas no Día das Letras Galegas e o homenaxeado deste ano, Carlos Casares) e xuño.

Artigos relacionados

Back to top button