EconomíaEconomíaÚltima hora

Mesa de traballo o 30 de marzo no Barco para desenvolver ideas de negocio Sociais e Sostibles

A actividade realizarase dentro do proxecto ‘Laboratorio de iniciativas sostibles’ que está a desenvolver a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) a través da convocatoria da Rede Eusumo

 

A Asociación Empresarial de Valdeorras (Aeva) acollerá o 30 de marzo no Barco unha mesa de traballo para desenvolver ideas de negocio Sociais e Sostibles. A actividade realizarase dentro do proxecto ‘Laboratorio de iniciativas sostibles’ que está a desenvolver a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) a través da convocatoria da Rede Eusumo da Xunta de Galicia.

O Laboratorio de iniciativas sostibles iniciouse no ano 2022 como unha aposta da CEO por fomentar a competitividade do tecido socio-económico da provincia de Ourense, así como a promoción do emprendemento, o cooperativismo e a economía social. As novas insfraestructuras de transporte, os fondos NextGenerationEU, a dixitalización ou a actual demanda de sectores como o vitivinícola, o termalismo ou o gastronómico constitúen oportunidades sen precedentes para a experimentación, a innovación, a investigación e a colaboración entre entidades.

Por este motivo, este ano 2023 a CEO está a desenvolver varias mesas de traballo en diferentes puntos estratéxicos da provincia de Ourense co fin de levar a cabo ideas e estratexias en torno a varias temáticas:

A chegada do AVE e o turismo sostible
O futuro do comercio e a fronteira con Portugal
Os nosos maiores e o repoboamento do rural
O noso campo e a loita contra o lume

A través do acordo coa Asociación Empresarial de Valdeorras, realizarase unha das mesas de traballo na Casa Grande de Viloira (O Barco) o vindeiro xoves 30 de marzo a partir das 9:30h.
O obxectivo da actividade é identificar e xerar ideas de negocio en Valdeorras en torno aos catro eixos do proxecto, empregando dinámicas lúdicas dirixidas por expertos/as.

Dende a asociación queren convidar a toda a veciñanza a participar, e especialmente a emprendedores/as, empresarios/as locais, axentes sociais, asociacións, empresas e organizacións, poñendo a disposición un formulario online para que poidan inscribirse: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfLNnpN-xVdAwUycozl0fuaHPG8Tpe4hvRFkuLiHF2RVf-U7g/viewform

Artigos relacionados

Back to top button