A Asociación Empresarial de Valdeorras pon en marcha unha nova iniciativa co apoio do Inorde para promocionar a sostenibilidade e o comercio de proximidade e na que tanto o slogan como o logo serán obra do estudantado da comarca. Para iso, convocouse un concurso de creatividade no que se convidou a participar a todos os centros educativos da zona para que o alumnado de entre 10 e 13 anos (5º e 6º de Primaria e mais 1º e 2º da ESO) deseñe a súa proposta para ilustrar o concepto: Valdeorras sostible.
En total teñen confirmada a súa participación preto de douscentos escolares de toda Valdeorras, con centros como o IES Cosme López e o Colexio Pablo VI-Fátima da Rúa, o CEIP de Casaio, o CEIP Condesa de Fenosa e o IES Martaguisela do Barco, e o CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín. Nalgúns destes colexios, como apertura do certame, celebrouse un obradoiro no que coñeceron os obxectivos do concurso, introducindo á rapazada na comunicación e deseño de marca.
Esta sesión, a cargo da xornalista Cristina de la Torre, foi a oportunidade de recoller as impresións dos estudantes sobre a identidade de comarca, a compra sostible e o que implica a economía circular. Para de la Torre moitas das respostas foron sorprendentes e asegura que “aínda que o obradoiro son só 40 minutos é suficiente para que saian ideas, así que estou impaciente por ver as propostas finais tralo traballo en aula”.
A implicación dos docentes e dos centros educativos foi destacada tamén pola xerente de AEVA, Teresa García Paradelo, quen agradeceu a boa resposta que tivo o convocatoria e anima aos centros que están pendentes de confirmar a súa participación a que se sumen ao certame.
O prazo para enviar deseños remata o 25 de setembro e os finalistas faranse públicos o 4 de outubro. Escolleranse tres logos finalistas, recibindo cada un dos seus autores ou autoras un premio de 150€ en vales de compra. O logo gañador formará parte, ademais, dunha campaña de promoción na que se imprimirá en bolsas de tela que serán distribuídas a través dos comercios asociados a AEVA.