EconomíaEconomíaÚltima hora

Mesa de traballo sobre as oportunidades de negocio ligadas ao turismo termal en Ourense

Esta actuación enmárcase no Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal”, xerenciado polo Inorde

 

A xerente do Inorde e xerente do Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal” -liderado pola Deputación de Ourense-, Emma González, coordinou a mesa de traballo celebrada hoxe en Ribadavia, na que participaron representantes de entidades públicas e privadas vinculadas ao turismo e ao termalismo, para analizar as necesidades e oportunidades de negocio vinculadas a este sector na provincia de Ourense.

Este foi o primeiro encontro -dos tres previstos- cos que se pretende definir conxuntamente o programa de mellora da competitividade deste plan. Tras esta mesa de análise con representantes públicos e privados dos municipios do Ribeiro que integran o plan, desenvolverase a Mesa do Xurés, hoxe pola tarde en Lobios no seu edificio Multiusos, e continuará mañá para os actores implicados da zona de Verín, cunha reunión na súa oficina de Turismo. Nestas xuntanzas participarán representantes do mundo empresarial, asociativo, Universidade, representantes de institucións públicas, así como profesionais do sector turístico.

“O obxectivo é convocar a unha ampla representación destes sectores que operan nos municipios que integran o plan, para coñecer distintos puntos de vista, sensibilidades, intereses e carencias, para solicitar toda a información posible que nos permita xerar un mapa de necesidades e oportunidades. Este mapa é a base para definir despois os contidos deste programa de Mellora da Competitividade, enmarcado na folla de ruta deste plan, que estea orientado tanto a emprendedores como a empresas existentes que aposten por crear novos produtos ou experiencias”, explicaba Emma González.

O termalismo é un sector estratéxico para a provincia de Ourense, “que require do traballo coordinado de toda a cadea de valor do sector para avanzar na súa consolidación, a través de programas como este plan”, destacou a xerente do Inorde. Nel, inclúese o deseño e posta en marcha dun programa de formación específico para facilitar o desenvolvemento de proxectos e iniciativas empresariais que van contribuír ao reforzo, mellora e complemento da oferta en torno ao turismo termal da provincia.

A Deputación de Ourense xestiona o Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal”, froito dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, que permitirá a transformación competitiva dos 15 municipios rurais termais da provincia: A Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, O Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muiños, Punxín, Ribadavia e Verín.

Artigos relacionados

Back to top button