EconomíaEconomíaÚltima hora

O II Foro da Castaña reúne a un cento de produtores en Riós

 

A importancia de impulsar o asociacionismo para optimizar a xestións dos soutos. Era unha das cuestións nas que se incidía no II Foro da Castaña, que se celebraba este venres no Multiusos de Riós cun cento de asistentes. No encontro analizábanse os retos e oportunidades que ofrece o aproveitamento dos soutos a través de relatorios, exhibicións e visitas técnicas para coñecer exemplos de boas prácticas.

No acto inaugural participaban o presidente do Inorde e deputado provincial de Representación Institucional, Rosendo Fernández; a alcaldesa de Riós, Eva Barrio; e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan. Na súa intervención, Rosendo Fernández agradeceu a colaboración da Consellería de Medio Rural con este foro que nos permite “abordar na provincia de Ourense, concretamente en Riós, temáticas técnicas e prácticas que inciden no axeitado desenvolvemento das producións, sendo un territorio cunha gran presenza de soutos”. Reivindicou o posicionamento da provincia como a principal produtora de Galicia, lembrando que en campañas como a do pasado ano recolleuse o 60% de toda a castaña que se produce en España.

Neste sentido, o presidente do Inorde asegurou que desde o goberno provincial “continuaremos a apostar por este tipo de iniciativas que contribúan a achegar coñecemento e experiencias a un sector que precisa xerar valor engadido mediante a participación dos produtores na cadea de produción, transformación e comercialización da castaña”.

Pola súa parte, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal resaltou a futura orde que establecerá modelos de estatutos para agrupacións forestais de xestión conxunta e os modelos tipo para constituír dereitos de uso e aproveitamento en Galicia. Salientou que esta norma busca impulsar a creación deste tipo de entidades que teñen obxectivo a protección do ambiente, a prevención dos incendios e o fomento do desenvolvemento rural.

 

 

Na xornada diversos expertos abordaban o aproveitamento da castaña e interese como: o tratamento de pragas, a xestión conxunta de soutos tradicionais, tipos de plantas de castiñeiro, ou a recuperación dos soutos. Pola tarde, a programación foi eminentemente práctica ofrecendo aos asistentes unha exhibición de cociña e repostaría con Castaña de Galicia a cargo da Asociación Cociña Ourense, outra de poda e mantemento do castiñeiro impartida por Ricardo Prieto e José Manuel Guerra da empresa Soutogal, así como unha conferencia sobre recomendacións para facilitar a revalorización e comercialización da castaña, a cargo do presidente do Clúster da Comunicación de Galicia.

Mañá sábado, os participantes realizarán unha visita técnica á comarca do Bierzo en León para coñecer exemplos de boas prácticas. A saída permitirá aos participantes coñecer unha plantación nova de castiñeiros con orientación agrícola en Carracedelo, a “Agrupación de produtores de venta e comercialización de produto fresco”, de Corullón, así como unha empresa de conxelación de castañas e unha experiencia empresarial familiar de transformación e venda de castaña.

Un cento de produtores de castaña, propietarios individuais ou agrupacións propietarias de soutos en Galicia e representantes de empresas privadas e entidades públicas que traballan nalgún ámbito vencellado a este sector. Os inscritos nesta segunda edición proceden de varios concellos ourensáns (Monterrei, Oímbra, Viana do Bolo, Baños de Molgas, Manzaneda, Maceda, Verín, O Barco de Valdeorras, Trasmiras e Riós), así como do resto das provincias galegas.

Artigos relacionados

Back to top button