CulturaCulturaÚltima hora

Mesa redonda sobre a masificación no Entroido galego no Museo Galego do Entroido, en Xinzo

Pantallas no Entroido de Xinzo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O vindeiro sábado 25 de maio, ás 19:00 horas, o Museo Galego do Entroido, situado en Xinzo de Limia, acollerá unha xornada para abordar a cuestión da masificación no Entroido galego. Representantes dos Entroidos de Xinzo de Limia, Viana do Bolo e da parroquia de Salcedo participarán nesta mesa redonda, onde se debaterá sobre os retos e as oportunidades que a masificación presenta para esta festa tradicional tan arraigada na identidade galega.

“Nos últimos dez anos, o Entroido ten experimentado un proceso de dignificación que propiciou o rexurdimento de rituais e oficiantes, pero tamén trouxo consigo o fenómeno da masificación, tanto nos Entroidos consolidados como en aqueles menos coñecidos ou recentemente recuperados”, explican dende o Museo Galego do Entroido.

 

 

Neste senso, a mesa redonda organizada ten como obxectivo poñer enriba da mesa esta problemática e abordar, desde a realidade de cada Entroido representado, como se chegou a esta situación. Analizaranse as posibles causas, os aspectos positivos e negativos, así como as perspectivas de futuro. A masificación pode ser un impulso para a economía de pequenas zonas rurais que sofren durante o resto do ano, pero tamén pode afectar negativamente ao desenvolvemento correcto dos rituais nesta época festiva.

“Esta xornada aspira a ser un debate construtivo, sen intención de sentar cátedra, sobre a visión que diferentes Entroidos, con realidades e graos de masificación diversos, teñen sobre esta problemática”, aseguran os organizadores.

Artigos relacionados

Back to top button