OurenseÚltima hora

Mobilización en Ourense contra a suba do 0,25% das pensións

A manifestación foi convocada polos sindicatos para defender “unhas pensións dignas”

Centos de persoas saíron ás rúas de Ourense, convocadas polos sindicatos, para manifestarse en contra da suba do 0,25% que fixo o Goberno Central das pensións. Unha suba que os alí presentes cualificaron de “miseria”. A cabeza da manifestación arrancou na sede do Instituto da Seguridade Social, na rúa Concello e continuaron fronte á Subdelegación do Goberno. O obxectivo da mesma, segundo berraban, era reivindicar “unhas pensións dignas”.

María, unha das manifestantes que encabezaba a protesta asegurou que esta suba é “unha indecencia do Goberno”. Esta pensionista recalcou que o executivo de Mariano Rajoy “pensa que somos idiotas”. Para María a suba “debería de ser do 10%, e aínda así seguiriamos perdendo poder adquisitivo”, asegurou. Esta pensionista traballou 35 anos no sector sanitario.

Da mesma opinión é Irene, que acudiu á manifestación “en apoio ao meu marido, que é pensionista”, dixo. Aínda que asegurou que “isto é unha reivindicación pola dignidade de todos os pensionistas de España”. Irene asegurou que cando recibiron a famosa carta de suba do 0,25% da pensión do seu home, a sensación que tivo foi “a de sentirnos estafados”. A súa sensación, dixo, é de que “nos están arrinconando a ver se nos quitan do medio”.

Outro dos manifestantes, Manuel, recalcou que esta suba do 0,25% suponlle “cobrar un euro e pico máis ao mes, que non me chega nin para un café”. Resaltou que “isto non é digno” e insistiu en que “isto non se pode consentir baixo ningún concepto”. Manuel, de 70 anos, traballou dende os 14 anos como mecánico en Ourense.

Fotos e texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button