A RúaConcellosÚltima horaVídeos

Monseñor Jesús Fernández: “Para min esta terra é moi especial”

O ata agora bispo de Astorga despedíase da zona galega da Diócese no Colexio Pablo VI-Fátima na Rúa

 

Na mañá deste venres 16 de maio o Colexio Diocesano Pablo VI-Fátima da Rúa recibía unha visita moi especial. En torno ao mediodía chegaba ao centro escolar o ata agora bispo de Astorga, Monseñor Jesús Fernández, para despedirse da zona galega da Diócese de Astorga.

 

 

E facíao na víspera do Día das Letras Galegas polo que ademais de presidir a eucaristía na capela do centro, con ofrenda á Virxe de Fátima incluída, participaba nos actos de celebración das Letras, adicadas este ano ás cantareiras e á cultura popular oral, que tiñan lugar no salón de actos e nos que non faltaban recitais e por suposto cantigas e pandeiretas.

 

 

Dende o colexio aseguran que foron moitos os momentos que Monseñor compartiu con eles, “moitas as visitas, as palabras cercanas, os xestos sinxelos e as celebracións vividas xuntos” e por iso quixeron renderlle “unha pequena homenaxe” con esta xornada “chea de cariño e gratitude”.

 

 

A mesma gratitude que amosaba o propio Monseñor. “Chegado o momento de dicir adeus quero dar as grazas a toda a boa xente que por aquí atopei, particularmente neste colexio Pablo VI-Fátima”, aseguraba despois de terlle dado as grazas persoalmente “á dirección, profesores e alumnos, por ter optado por este centro, por crecer fisica e espiritualmente e compartir vida aquí”, palabras que acompartía xa durante a misa, adicando a oración “de despedida pero tamén de agradecemento a Deus por este colexio e a todos os que formades parte del, xa que o labor social, cultural e relixioso que se desempeña é moi grande”.

 

 

D. Jesús Fernández tamén fixo visita pastoral na zona “polo que teño moito que agradecer ás diferentes parroquias que visitamos, que son moitas por certo, e nos que fomos moi ben acollidos”, di, asegurando que se contaxiaron da súa fe, alegría e sinxeleza. “Sempre levarei no recordo todas esas horas que pasamos nesta terra que amo e considero tamén miña, de feito estiven seis anos en Santiago co cal para min Galicia é moi especial”, recoñece destacando que marcha con esa nostalxia “pero tamén agradecido con todo o vivido”.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button