ConcellosÚltima hora

Monterrei e O Bolo acollerán esta fin de semana a XXXII Xuntanza Internacional de Gaiteiros

Músicos de Galicia e de países como Irán, Armenia, Italia, Alemaña e Portugal participarán no evento
Presentación da Xuntanza Internacional de Gaiteiros.

Os castelos de Monterrei e O Bolo serán os escenarios nos que se desenvolva a XXII edición da Xuntanza Internacional de Gaiteiros os días 10 e 11 de xuño.

A presentación desta tradicional festa, declarada de Interese Turístico e Cultural, tiña lugar na mañá do 7 de xuño no Pazo Provincial e nela participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; e os alcaldes do Bolo e de Monterrei, Manuel Corzo e José Luis Suárez, respectivamente.

Nesta XXXII edición “terán especial protagonismo as gaitas primitivas, coa participación de gaiteiros procedentes de Galicia e de países como Irán, Armenia, Italia, Alemaña ou Portugal”, explicou o director da Escola Provincial de Gaitas. Ademais, o programa de actuacións tamén contará con gaiteiros da comarca de Monterrei para “poñer en valor a música que se conservou e que é a nosa imaxe”, asegurou Foxo, e remarcou que a Xuntanza Internacional de Gaiteiros “achega o máis significativo do mundo da gaita de Galicia e doutros lugares do mundo, facendo que Ourense sexa un referente mundial”. O programa complétase con conferencias, exposicións e actividades de carácter científico. Asemade, este ano, a homenaxe será para José María Fernandez, Angelo Arribas e Henrique Fernandes, tres gaiteiros do norte de Portugal.

O alcalde de O Bolo, Manuel Corzo, mostrouse agradecido porque “unha das xornadas da Xuntanza se desenvolva no Castelo do Bolo, rehabilitado no ano 2000, porque nos permite promocionar o noso municipio”. O de Monterrei, pola súa banda, lembrou que neste ano 2017 “cúmprense dez anos desde que se decidiu que o Castelo de Monterrei acollera de maneira permanente a Xuntanza”.

Artigos relacionados

Back to top button