SanidadeÚltima hora

Morea O Barco conmemorará o Día Mundial da Saúde Mental cunha andaina

A campaña deste ano está centrada na prevención do suicidio, considerado por la OMS, "un dos problemas máis graves de saúde pública

Membros de Morea O Barco na representación do ano pasado para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Mañá, día 10 de outubro, conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental que conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS), unha data que tamén celebran dende A.F.E.M. Morea O Barco. O ano pasado, apostaban por un espectáculo con musica e teatro para dar visibilidade a este colectivo e, nesta ocasión, queren facer honra ao lema da campaña nacional “Conecta coa Vida” realizando unha ruta de montaña polo Hayedo de Busmayor no Bierzo, “como forma de conectar coa natureza, en definitiva, coa vida”, explican dende o colectivo barquense.

O tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración é o suicidio, considerado pola OMS como “un dos problemas máis graves de saúde pública” que debe ser atendido de forma prioritaria. De feito, e tal como explican dende A.F.E.M. Morea Ourense “Galicia, lamentablemente, está no máis alto da clasificación de suicidios, con 323 persoas falecidas por suicidio en 2017, sendo a segunda comunidade con maior taxa de suicidio en termos relativos, tras Asturias”. Dentro da Comunidade, Ourense “é a provincia con menor número de suicidios consumados, aínda que na taxa relativa é a segunda con 13 suicidios por cada 100.000 habitantes”.

A prevención do suicidio comprende unha serie de actividades que van dende a educación na infancia e na mocidade ata os recursos de atención dos trastornos mentais, pasando por un control ambiental dos factores de risco e unha difusión apropiada da información. “O papel dos medios de comunicación é clave para concienciar á poboación sobre este problema de saúde pública e iniciar a súa prevención, pois o trato responsable da información sobre o suicidio axuda a reducir a súa incidencia”. Con todo, segundo Morea as necesidades da provincia de Ourense no problema do suicidio resúmense en catro puntos: maior participación a nivel galego nas políticas de prevención e actuación, mais recursos en saúde mental (profesionais e infraestucturas) que reducirán a incidencia, mellorar a accesibilidade ós recursos existentes e que entre en vigor o novo Plan Galego de Saúde Mental.

A asociación estará mañá de 11 a 13:30 na aula 0 do CHUO inaugurando, xunto co xerente de Xestión Integrada, a xornada “Investigando para o paciente con trastorno mental”, na que participan profesionais de saúde mental dos dispositivos públicos do hospital.

Artigos relacionados

Back to top button