CarballedaConcellosGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Motoxeada afiánzase en Fonte da Cova (Trevinca) como concentración motorista invernal

A VII edición contou coa asistencia de máis de 500 persoas ao longo da fin de semana

 

Todo esforzo ten a súa recompensa e nun evento como a Motoxeada, reflíctese no afianzamento como concentración. “Conseguimos atraer a persoas apaixoadas da moto, persoas que desfrutan da moto nun sentido turístico e persoas ás que lles gusta viaxar en moto en inverno polo que a valoración é moi positiva”, aseguran dende a organización.

Aínda que o  número de inscritos pechábase xa hai tempo en 200, foron máis de 500 as persoas que asistían ao longo da fin de semana á VII concentración motorista invertal celebrada en Fonte da Cova (Trevinca). Xente chegada de toda España (Andalucía, Comunidade Valenciana, da costa galega,…) e tamén Portugal, que desfrutaron dun intenso e completo programa no que non faltaron as rutas (unha asfáltica dende Fonte da Cova a Sobradelo, outra por pistas seguindo o Camiño de Inverno e tamén a adega Roandi), as degustacións de produtos tradicionais, as festas e os agasallos.

 

 

Tal como explican dende a organización (Asociación Motoxeada e Colectivo Moteiro Balas Rasas), moita xente chegou a Fonte da Cova xa de noite, montaron a súa tenda de campaña, instaláronse e ao amencer “todo o mundo nos dicía que quedaran impresionados coa paisaxe que atoparon ao saír da tenda, así como cos produtos que damos no sorteo, de moi boa calidade. Tamén lles encantou Sobradelo, por onde pasamos todas as motos, e quedaron encatados coas instalacións, especialmente as piscinas”, din, destacando o feito de que á xente encántalles esta comarca, especialmente “a que fai ese turismo en moto por estradas como as nosas, buscando o que nós ofrecemos, paisaxe, patrimonio cultural e xente hospitalaria”.

 

 

Formada por xente que ama Valdeorras, a organización de Motoxeada sempre busca que a comarca tamén gane e por iso aseguran que o que máis lles gusta “é cando nos din que van volver a Valdeorras, máis alá da concentración e case todo o mundo o di”, recoñecendo o bo trato que sempre lle dá a xente de Casaio onde fan a entrega de agasallos, polo que de cara a futuras edicións buscará a forma para coñecer o patrimonio tan interesante que ten.

Como evento, Motoxeada está consolidado. “Chegamos ao límite de inscritos facilmente e cada vez conseguimos máis calidade de participantes, xente viaxeira que desfruta da moto, da paisaxe, da gastronomía e da xente”, conclúen.

 

 

Fotos e vídeo cedidos.

Artigos relacionados

Back to top button