CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Mozos de Viana participarán nun hackaton en liña para combater o discurso de odio en medios e redes sociais

A actividade enmárcase no proxecto EpDLab, que desenvolve a ONGD Agareso no que este ano participa alumnado de 2º da ESO do IES Carlos Casares de Viana, Silleda, de Ames, de Brión e de Bueu

 

Un cento de rapaces de toda Galicia entre os que está o alumnado de 2º da ESO do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, participan mañá 25 de marzo, de 9 a 12 horas, nun hackaton (encontro de traballo intensivo no que un grupo de persoas se coordina para solucionar un problema nun breve lapso de tempo) en liña para combater o discurso de odio nos medios e nas redes sociais. A actividade pertence ao proxecto de innovación educativa EpDLab, que desenvolve dende hai 6 anos a ONGD Agareso co financiamento de Cooperación Galega e no que este curso tamén participa rapazada de Silleda, Ames, Brión e Bueu.

En anos anteriores a maratón celebrouse en Silleda, pero este curso ten que trasladarse á rede para sortear os riscos que suporía durante a pandemia xuntar rapazada de distintos centros de Galicia nun mesmo espazo. O obxectivo é que a rapazada coñeza alumnado doutros lugares e colabore na elaboración dunha campaña de comunicación conxunta contra o discurso de odio. Para facelo, terán que reflexionar sobre a importancia que ten a subxectividade na lectura que facemos cada unha e cada un de nós dos contidos que recibimos a través dos medios e das redes sociais, descubrirán os mecanismos que favorecen o espallamento dos estereotipos e bulos e aprenderán a desmontar o discurso de odio que sofren as persoas migrantes ou outros colectivos.

Algunhas das claves coas que traballarán serán desenvolver a empatía e aprender a poñerse no lugar doutras persoas, evitar o uso de etiquetas ou estereotipos ao falar desas outras persoas que pertencen a outros países, culturas our azas, desmentir bulos e denunciar os contidos racistas que vemos nas redes e reivindicar que todos os seres humanos debemos ter os mesmos dereitos. Farano, empregando a súa creatividade e o seu coñecemento das tecnoloxías da comunicación e das redes sociais para elaborar memes e vídeos contra o discurso de odio.

EpDLab é un proxecto educativo que xorde a partir da reflexión colectiva de varios grupos da ESO en Galicia, máis outros grupos en El Salvador e República Dominicana. O alumnado traballa durante todo o curso con ferramentas TIC para crear e difundir na rede contidos ao redor da igualdade de dereitos, da participación responsable e da xustiza social, apropiándose dos medios que teñen nas súas mans para participar en accións innovadoras cara á comunicación inclusiva, o desenvolvemento social e á denuncia da desigualdade.

Artigos relacionados

Back to top button