En portadaÚltima hora

Multitude de persoas enchen o recinto da XLI Feira do Viño de Quiroga na súa apertura

Ás 20:30h. desta tarde terá lugar o pregón a cargo do polifacético actor Carlos Sobera

 

Coa presenza do vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, e polo alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, inaugurábase de xeito oficial esta mañá o recinto da XLI Feira do Viño de Quiroga, que se celebraba nesta fin de semana de 8 e 9 de abril na vila.

 

Cedida.
Cedida.

 

A partir de aí autoridades asistentes e público podían catar os viños das doce adegas participantes: Alma das Donas, Algueira, Atrium Vitis, EDV 2015, Alvaredos-Hobbs, Lar de Ricobao, Ponte da Boga, Adega Gullufre, Rectoral de Amandi, Casa de Outeiro, Val de Quiroga e Corisca da D.O. Rías Baixas (como adega convidada).

Numerosas persoas enchían o recinto feiral ao longo da mañá, cun ambiente moi animado. Ademais, xunto ao recinto poñíanse á venda produtos típicos de Quiroga como o mel, os licores ou as marmeladas. E, ao longo da avenida que percorre a vila instalábanse multitude de postos de diversos produtos.

 

 

Pola tarde haberá teatro (“MisterBlue” ás 17h. na praza de España), ás 18h. tocará a charanga “Mil 9” e ás 19h. no Auditorio actuarán a Coral Polifónica de Quiroga e os grupos de danza San Martiño e Arume de Queiruga. Será o preludio musical do pregón, que ofrecerá ás 20:30h. o actor Carlos Sobera. A música volverá a partir das 21h. coa orquestra Marbella e o Dj Adri Díaz.

O 9 de abril incluirá, entre outros actos, a entrega de trofeos aos adegueiros da feira e as actuacións dos grupos de gaitas O Recanto e Érbedo, pola mañá, e das charangas NBA e Terras do Bibei, pola tarde.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button