ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Multitudinaria e festiva concentración polo Día da Muller no Barco

Música, un tendal de mandís con diferentes mensaxes sobre igualdade, emprego ou liberdade para as mulleres, e numerosas persoas de todas as idades. Na praza do Concello do Barco vivíase no mediodía do 8 de marzo un ambiente festivo e reivindicativo á vez para celebrar o Día Internacional da Muller.

Ás 13h. tiña lugar unha concentración á que acudían multitude de persoas, algunhas delas portando prendas de cor violeta, outras con carteis alusivos a esta xornada especial, e algunhas ata bailando ao ritmo da música. Pouco despois, comezaba a lectura dun manifesto, a cargo da concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, quen agradecía a participación e sinalaba que “hoxe 8 de marzo, o Concello do Barco manifesta un ano máis o seu compromiso coas mulleres, coa defensa dos seus dereitos e coas políticas de igualdade como instrumento para avanzar cara a unha sociedade na que as mulleres sexamos donas da nosa liberdade e na que exerzamos, con determinación, o protagonismo das nosas vidas”.

Incidía na necesidade de lograr unha “sociedade libre de machismo” e reivindicaba un “cambio social que supoña unha tamén profunda transformación estrutural. Un cambio social no que as mulleres sexan protagonistas e coparticipantes”. E concluía resaltando que “este 8 de marzo non é simplemente unha data máis de conmemoración. O día de hoxe está a ser unha data histórica e clave na loita do feminismo”. O manifesto remataba lanzando a seguinte mensaxe: “Por traballos e salarios dignos: somos cidadás”.

Finalmente, o concelleiro de Asuntos Sociais do Barco, Orlando Saavedra, lembraba que hai máis actos para conmemorar esta data no municipio, un deles será unha nova concentración prevista para as 20h. tamén deste 8 de marzo na praza do Concello.

Fotos: A.R.

 

Máis fotos da celebración do Día da Muller na provincia:
https://osil.info/lazos-violetas-cancions-na-segunda-concentracion-dia-da-muller-no-barco/
https://osil.info/atleta-eva-arias-comeza-sua-carreira-prol-da-muller-petin/
https://osil.info/concentracion-da-rua-polo-dia-da-muller-imaxes/
https://osil.info/acto-vilamartin-polo-dia-da-muller/
https://osil.info/dia-da-muller-verin/

Artigos relacionados

Back to top button