ConcellosO BarcoÚltima hora

Música de 6 compositores e poesía de Florencio no “Concerto das Letras”, o 16 de maio no Barco

Terá lugar a partir das 20h. no Teatro Lauro Olmo da vila e nel contarase coa soprano Clara Jelihovschi Panas e co conxunto de cámara Zoar

O quinteto de vento Zoar e a soprano Clara Jelihovschi Panas, artistas que actuarán no concerto./ Fonte imaxe: Consello da Cultura Galega.

 

Será un concerto homenaxe, pero tamén un “punto de encontro entre a música e a poesía. Entre México e Galicia. Entre Florencio e un dos poetas da súa xeración que máis o inspiraron, o hilozoísta Amado Carballo; entre Florencio e o seu respectado Ramón Cabanillas, con quen mantivo contacto mar por medio. Un punto de encontro con cinco compositores coetáneos, nados entre fins dun século e comezos do seguinte, todos nas vangardas (Adolfo Salazar, Rodolfo Halffter, Jesús Bal y Gay, Frederic Mompou e Gerardo Gombau); os tres primeiros, ademais, teñen entre si un vínculo persoal establecido na España republicana e estreitado no exilio mexicano, e velaí de novo un vencello necesario co noso homenaxeado”. Deste xeito presenta a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, o “Concerto das Letras Galegas” que se celebrará o vindeiro 16 de maio ás 20h. no Teatro Lauro Olmo do Barco.

E engade que a estes compositores súmase outra autora contemporánea “Carme Rodríguez, achegando a creatividade galega contemporánea, coa estrea da peza que o Consello da Cultura Galega lle encargou para a ocasión, “Diásporas”, sobre textos de Florencio Delgado Gurriarán”.

Este concerto tan especial terá lugar “na véspera festiva do día grande en que Galicia enteira, seguindo á Real Academia Galega, homenaxea o poeta Florencio Delgado Gurriarán, nacido en Córgomo e exiliado en México”, indica a presidenta do Consello da Cultura Galega, entidade organizadora o acto en colaboración cos Concellos do Barco e de Vilamartín de Valdeorras.

 

Rosario Álvarez, presidenta do CCG./ Foto: A.R.

 

Nel contarase cun destacado elenco de artistas no que figuran a soprano Clara Jelihovschi Panas e co conxunto de cámara Zoar, integrado por Joan Ibáñez (frauta, frautín e frauta en sol), David Villa (óboe e corno inglés), Antonio Suárez (clarinete e clarinete baixo), Nicolás Gómez (trompa) e Álex Salgueiro (fagot e contrafagot). A dirección artística está en mans de Ana Inés Jabares-Pita.

“O programa presentado neste concerto procura asemade o recoñecemento á persoa de Florencio Delgado Gurriarán e ao colectivo galego exiliados en México cunha selección representativa das súas obras”, sinala Álex Salgueiro García, fagotista da Sinfónica de Galicia e Zoar nas notas incluídas ao programa de presentación do concerto. “As creacións musicais ligadas á diáspora mexicana seleccionadas son obras dos seus principais referentes: Adolfo Salazar, Rodolfo Halffter e Jesús Bal y Gay. Bos amigos xa dende a súa etapa madrileña, reencontráronse en México, onde seguirían colaborando, en particular na creación da revista Nuestra Música, xunto con outros compositores locais como Carlos Chávez e Blas Galindo”, apunta tamén Salgueiro García.

 

 

 

En concreto os poemas nos que están baseadas as pezas musicais son  “Seis pezas pra canto e piano” (textos de Amado Carballo), “Aureana do Sil (Ramón Cabanillas), “Cantiga da vendima” (Florencio Delgado Gurriarán) e “Diásporas” (Florencio Delgado Gurriarán).

En definitiva, este concurso supón un encontro de “música e cancións que nos traen evocacións do maxestoso Sil e as súas areas auríferas e imaxes do mar das cepeiras con recendos de vendimas, ambos materia poética gozosa e soidosa do poeta de Córgomo, mais tamén da explosión malva da xacarandá, na Galicia infinda, nesa nova terra de acollida onde sempre é primavera”, conclúe a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Programa do concerto

Zarabanda. (Madrid, 1927)
Frauta, clarinete e fagot*
Adolfo Salazar (1890-1958)

Seis pezas pra canto e piano* (Madrid, 1930)
Jesús Bal y Gay (1905-1993)
Sobre textos de Amado Carballo
I. Égloga
II. Spleen
III. Noite
IV. O que morreu no mar
V. Epifanía
VI. Afogado

Muiñeira das vellas* (Barcelona, 1938)
Rodolfo Halffter (1900-1987)

Divertimento para cuarteto de madeiras (México, 1945)
Jesús Bal y Gay
I. Allegro Moderato
II. Poco Adagio
III. Andantino
IV. Allegro Vivo

Aureana do Sil* op. 42 (Barcelona, 1951)
Frederic Mompou (1893-1987)
Texto de Ramón Cabanillas

Suite Don Quijote* (México, 1957)
Jesús Bal y Gay
I. Introducción
II. Cide hamete
III. Seguidillas
IV. Asoma la luna
V. Amanecer

Cantiga da vendima* (Madrid, 1958)
Gerardo Gombau (1906-1971)
Texto de Florencio Delgado Gurriarán

Epinicio para frauta soa op. 42 (México, 1979)
Rodolfo Halffter

Diásporas, para voz e quinteto (Ribadeo/Madrid, 2022)
Carme Rodríguez (1996)
Obra orixinal composta
por encarga do Consello da Cultura Galega
sobre textos de Florencio Delgado Gurriarán.

*Adaptación de Álex Salgueiro.

Artigos relacionados

Back to top button