Partindo dunhas vivencias tan duras e tristes, xunto a unhas “incertas e demoledoras consecuencias en todo o mundo” provocadas pola pandemia do coronavirus, e trala súbita interrupción da actividade de concertos e un horizonte profesional “incerto e nevoento”, a orquestra Ars Combinatoria, residente de Xunqueira de Ambía (Ourense), viuse na necesidade, non só de adaptarse ás circunstancias, senón a seguir creando e traballando nesta adversidade.
Así nace o seu novo traballo discográfico, un “videoarte” no que a música de Vivaldi e a obra do pintor Antonio López van da man. “A sinfonía O Santo Sepulcro de A. Vivaldi combina de xeito especial un forte dramatismo e intensidade musical con destellos de luz e ese é o motivo da súa elección”, explica o director da orquestra Canco López, incidinco en que “a idea creativa que rexe esta homenaxe é unir a necesidade de rendir o derradiero adeus aos que deixaron este mundo físico, aillados en soidade, e mostrar o silencio e a perturbadora realidade imposta”.
A grabación procede dun arquivo da orquesta, realizado pola Radio Galega os días 26 e 27 de xullo de 2018 no Mosteiro da Madalena de Sarria (Lugo). E con respecto ás imaxes -cedidas polo autor- pertencen á obra do mestre Antonio López, cun tema moi ligado a Madrid, a Comunidade mais golpeada polo Covid.19, e a atmósfera silenciosa e inhóspita que se respira.
Ars Combinatoria desenvolve a programación da sua tempada “Música vs. Espacios” entre Madrid e Galicia, concretamente en Xunqueira de Ambía (Ourense) e Sarria (Lugo).