Poñer “aos nenos no centro da foto”, que se pense “única e exclusivamente neles independentemente de rivalidades históricas e localidades” é a finalidade que persegue o club “Inter” Ribeira Sacra, unha nova escola de fútbol sala de base que comezará a funcionar na liga provincial na vindeira tempada 24/25.
Así o adiantaba Óscar Martínez, presidente do novo club, na presentación realizada na mañá deste domingo 16 de xuño no Pazo de San Lorenzo (no concello da Pobra de Trives). Alí, diante dun nutrido grupo de pais e cativos e acompañado por parte da directiva entre os que figura a vicepresidenta María González Teijeira, Óscar aseguraba que para el non hai fronteiras e a idea é sumar nunca dividir. “Somos poucos, cada vez menos polo que pensamos que en lugar de facer cousas cada un por separado hai que unirse” e por iso pretenden contar con nenos de toda a contorna (Manzaneda, Trives, San Xoán de Río, Castro Caldelas, A Teixeira, Viana do Bolo,…).

Da man de catro pais que “pensamos que hai outra forma de facer as cousas, un proxecto que integre e nos represente a todos”, nace este novo club que ten como obxectivo que os nenos aprendan a xogar ao fútbol (sala, 7,…) pero sobre todo que aprendan valores, a “competir en equipo, a respectar ao compañeiro e ao rival, a encaixar o fracaso e xestionar o éxito,…”.
A idea é sumar, cantos máis mellor e para empezar utilizarán o pavillón de Manzaneda (o alcalde, Amable Fernández foi o primeiro en apoiar a idea e acudía á presentación) pero rotarán os adestramentos polos diferentes pavillóns que estén en condicións “para que todos os nenos se sintan parte do proxecto e coñezan os diferentes concellos”.

Para darse a coñecer e que tanto nenos como pais sepan como funcionan, a primeira actividade que terán como club será o Campus de Fútbol Sala previsto para o mes de xullo. Será do 22 ao 26 no pavillón de Manzaneda en horario de 9:30 a 17 horas, con xantar incluído, e contarán con Adilson Augusto como adestrador e tamén con profesionais como un psicólogo deportivo “para que os axude a xestionar as emocións non só no deporte senón na vida” e un médico de medicina deportivo para que aprendan a coidarse, ademais dun completo equipo técnico.
Adilson, coordinador do campus e adestrador do novo club para o que xa contan cun equipo xuvenil, que xa coñece a moitos dos nenos que acudiron á presentación, asegura que é “unha persoa de proxectos e traballo polo que farei o posible para dar o mellor de min”.
O acto remataba cunha pinchada na terraza do pazo, un establecemento que mantén o encanto de sempre no que comer e tamén durmir.
Fotos e vídeos: O SIL.




