ConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

Nace ‘Veira do Sil’, un novo club de pesca en Valdeorras

Na mañá deste domingo 9 de febreiro celebraba unha xornada de portas abertas no Barco

 

O 16 de marzo abrirase a nova tempada de pesca continental en Galicia que este ano contará cun novo club en Valdeorras. Trátase de Veira do Sil, un colectivo que nacía hai pouco máis dun mes e xunta xa a preto de 60 membros.

Tal como explica o seu presidente, Javier Fernández, levaban xa tempo pescando xuntos como amigos e tiñan a intención de facer algo distinto ao que xa había. “Entre Luis, Álvaro, Santi e eu démoslle unha volta e decidimos botarnos para adiante nacendo a idea do club, puxémoslle nome e fomos correndo a voz, dicíndolle á xente o que queriamos facer e foise animando, tendo moi boa aceptación”, di.

 

 

Nacía así o Club de Pesca Veira do Sil co trasfondo común do coidado dos ríos e “fomentar algo que nos gustou sempre que é iso, desfrutar dos ríos e compartir os recursos”, aseguran dende o club no que hai cabida para todo tipo de pescadores, tando de pesca sen morte como con morte. “Non é máis ca un espazo de encontro e xuntanza co obxectivo de aprendendizaxe e difusión, porque moitas cousas como o tema da mosca afogada están desaparecendo”, explican, destacando que a súa pretensión non é outra que compartir experiencias, datos e técnicas, para o que se xuntan dúas veces por semana (mércores e domingos). “Cada un leva o seu torno e aprendemos uns dos outros”.

 

 

Na mañá deste domingo 9 de febreiro aproveitaban unha desas xuntanzas para celebrar unha xornada de portas abertas, no salón de actos do Edificio Multiusos do Barco de Valdeorras. Hoxe adicaban o empo a montar unha mosca afogada “pero cada día unha persoa fará algo, como unha especie de clases que intentaremos que sexan didácticas e que se poidan ver a través das redes”, explican dende Veira do Sil, adiantando que a idea é “traer xente recoñecida e profesionais en lance, facer alguha escola de río, e incluso consorciar algún río para poder xestionalo e axudar nesas limpezas…”

 

 

 

Xunto a Javier Fernández (presidente), completan a directiva Santi Pérez (vicepresidente), Luis Losada (secretario), Álvaro Fernández (tesoureiro) e Daniel Gil, Tomás Araújo e Daniel Franco (vogais). Son o xerme dun proxecto no que xa se implicaron socios a nivel comercal, provincial e incluso doutras comunidades como León. “Está pensado para a xente daquí pero ten cabida todo o mundo porque non só pescamos con mosca no río, tamén temos pescadores moi bos de spinning costa”, aseguran, destacando que non se limitan a unha modalidade senón que está aberto, “tanto lance como pesca ao fío, seca,… e tamén a distintas especies non só salmónidos”.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button