
O Teatro Principal de Ourense acollerá o xoves 24 de novembro a celebración de Voces Femeninas 2022, ciclo de música co que colabora a Deputación de Ourense e que na súa 15ª edición conta cun cartel composto polas artistas Naima Bock, Maria Rodés e Marta Knight.
O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participou esta mañá na presentación do festival acompañado polos promotores Edu Romero -Coconut Producciones- e David Pedrouzo -Todomedre Produccións-, xunto á directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

César Fernández celebrou a consolidación dun festival que é “unha referencia na visibilización da muller na industria musical”, enmarcando esta colaboración da Deputación dentro da “fonda aposta pola dinamización cultural”. Nesta mesma liña expresouse Olga Mojón, que valorou a importancia deste tipo de iniciativas para a “sensibilización e a loita contra a violencia do xénero” antes de agradecer o traballo dos promotores para “seguir construíndo un Voces Femeninas que é referente”. Pola súa banda, Edu Romero e David Pedrouzo agradeceron o respaldo da Deputación de Ourense por este ciclo de música, “un festival que combina a aposta polo talento emerxente con artistas consolidadas” .
O Voces Femeninas 2022 celebrarase no Teatro Principal o xoves 24 de novembro a partir das 20 horas e sobre as artistas que participarán nesta edición, os organizadores resaltan a importancia de Naima Bock, artista nada en Glastonbury, de pai brasileiro e nai grecobritánica, e que pasou a súa primeira infancia en Brasil, exposta á música de artistas como Baden Powell ou Chico Buarque, que deixaron unha importante pegada na súa música.

Con respecto a Maria Rodés é unha das artistas máis interesantes e inquietas do panorama español. “Os seus oito discos testemuñan a capacidade desta barcelonesa de desenvolver unha carreira única”, recalcan os organizadores de Voces Femeninas. Acompañada por Isabelle Laudenbach a barcelonesa, “regalounos un dos momentos máis bonitos do festival, coa súa marabillosa homenaxe a Cecilia”, segundo resaltan dende a organización.
E no que atinxe a Marta Knight, a pesar da súa mocidade, percorreu un bo número de escenarios cativando a crítica e público e aos seus 23 anos xa se está forxando un nome na escena independente. O seu indie rock e folk e a súa habilidade para compoñer melodías valéronlle comparacións con algúns dos seus artistas favoritos, como Sharon Van Etten, Nick Drake ou Lana del Rey.
