PolíticaÚltima hora

Nas eleccións galegas poderase votar por correo sen ter que saír de casa

Así llo vén de confirmar ao goberno galego a Xunta Electoral Central

 

A Xunta Electoral Central vén de comunicar á Xunta as medidas a adoptar na tramitación do voto por correo para as eleccións ao Parlamento de Galicia do próximo 12 de xullo. O acordo recolle varias das demandas incluídas no protocolo do Goberno galego de medidas preventivas fronte o coronavirus deseñado para a xornada electoral, no que se insta a fomentar o voto por correo.

En canto á solicitude do voto por correo, a Xunta propoñía que se poida realizar por vía telemática mediante un sistema de acreditación que garanta a identidade do solicitante. A Xunta Electoral Central aceptou esta proposta aclarando que a petición de forma telemática se realizará a través da páxina web de Correos mediante firma electrónica.

Tamén se aceptou a proposta da Xunta respecto á posibilidade de establecer protocolos para facilitar o emprego deste sistema de votación mediante o desprazamento dos empregados públicos de Correos. Nesta liña, o acordo da Xunta Electoral central, recolle que no mesmo momento en que o persoal de Correos entrega a documentación electoral no domicilio do elector este, unha vez comprobada a súa identidade e recibidos os sobres electorais, ten a posibilidade de devolvelos xa cumprimentados. Nese caso, recibirá un xustificante que acredite que xa exerceu o seu dereito a voto.

A Xunta Electoral Central aclara que se trata dunha posibilidade “opcional e extraordinaria de emisión de voto”, sen prexuízo do dereito dos electores tanto a solicitar o voto nas oficinas de Correos de forma presencial como a non ter que entregar o voto no momento que se recibe a documentación, podendo facelo noutro momento dentro dos prazos establecidos nunha oficina de Correos.

O Goberno galego tamén propón no seu protocolo ampliar o prazo do voto por correo ata dous días antes das eleccións.

Artigos relacionados

Back to top button