A última e interesante ruta de senderismo que vén de realizar a Asociación Huellas de Cabrera tiña como inicio e remate San Martín de Moreda (León), a carón do río Ancares. O traxecto encetábase na praia fluvial para, 200m despois, deixar a estrada e continuar polo sendeiro do Mangao ata acadar en suave ascenso o Corral dos Lobos, trampa utilizada antigamente para cazar.
“Continuamos ascendendo ata Peña Alta (1.072m), en dito cumio está o Castro de Peña Piñera coa súa barreira defensiva formada por gran cantidade de pedras. Dende aquí as vistas son espectaculares, vemos os cumios nevados da cordilleira de Ancares (Miravalles, Cuíña, etc….) e varias localidades da comarca (Fabero, Vega de Espinareda, etc….)”, contan os camiñantes.
Despois, iniciaban o descenso para visitar as pinturas rupestres de Peña Piñera, que se atopan nunha impresionante mole de pedras. “Ditas pinturas datan da Idade de Bronce, e nelas puidemos ver o vandalismo dos descerebrados de turno que raian sobre elas con pedras”, comentan dende Huellas de Cabrera.
O percorrido continúa e, un pouco máis adiante, desvíase á dereita para “coller o sendeiro das Calangras e, nun descenso pronunciado, podemos desfrutar duns bosques autóctonos de érbedos, rebolos, xardois… preciosos. No fondo espéranos o río Ancares, o cal atravesamos por unha fermosa ponte cun nome non menos fermoso “A Ponte do Amor”, e unha mesa onde comemos os bocatas que nos dan forza para facer 5Km aproximadamente por un sendeiro a carón do río espectacular de bonito”, proseguen os sendeiristas.
Deseguido, atravesaban de novo o río, esta vez pola Ponte Bonita e, “ao pouco enlazamos co tramo final que nos leva á piscina natural de San Martín para completar os 21 km de percorrido”, conclúen.
Fotos: Mirella e Miguel.