Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Natureza e arqueoloxía, nunha ruta polo Alto Sil da Asociación Huellas del Cabrera

 

Continúan as actividades deportivas da Asociación Huellas del Cabrera. Neste domingo os seus integrantes desfrutaban dunha interesante ruta de sendeirismo, desta volta polo Alto Sil, nas veciñas terras leonesas.

“Partimos do pobo de Rioscuro, cruzando unha fermosa ponte sobre o río Bayo para, en continuo ascenso, acadar a fermosa Braña de Vilforcos coas suas chemineas botando fume. Despois atravesamos o regueiro Barroso e continuamos subindo por un bonito bidueiral ata chegar a cima desta ruta, Cuetonidio (1773 m), un balcón sobre Laciana cunhas vistas impresionantes tanto do val como do sen fin de cumes que se ven arredor: Nevadín, Cornón, Muxivén, Ubiñas, etc…”, explican os participantes na marcha.

 

 

Logo iniciaban a baixada entre “impresionantes rebolos centenarios por un sendeiro precioso que nos leva, logo de atravesar outro bonito bidueiral, ao Castro de la Muela, pegada do mundo castrexo da Idade de Ferro, que quedou marcada na zona”, engaden. Continuando un pouco máis o camiño os participantes na marcha chegaban ata o punto de partida, completando así case 14 km dunha xornada entre amigos.

Fotos: Miguel Blanco e loispradaf.

 

Artigos relacionados

Back to top button