
En plena campaña electoral, na tarde do 8 de maio, o Partido Popular de O Barco de Valdeorras reuníase na sede do candidato, coa directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Nesa reunión, o candidato popular á alcaldía de O Barco anunciaba algúns dos seus proxectos en materia turística, como a implantación dun sistema de audioguías “para que os turistas que nos visiten coñezan en profundidade o máis destacado de O Barco” dixo Blanco, explicando que se trata “de información sobre lugares, personaxes e monumentos en dúas rutas, unha urbana e outra máis exterior, para contribuír á necesidade que temos de promocionarnos para que nos visite máis xente a través da posta en valor do noso patrimonio e dos nosos espazos singulares”.

Moisés Blanco tamén destacou a ausencia dunha oficina de turismo no pobo, asegurando que “dende o Concello impulsaremos a colaboración coas axencias de viaxes de O Barco para que axuden na promoción da vila como puntos de información turística”.
En presenza de Castro, o candidato popular reiterou unha vez máis o seu proxecto de creación “de varias rutas e un centro BTT”, unha idea que segundo a directora da Axencia de Turismo “contará co total apoio da Xunta de Galicia” asegurando que “a zona de O Barco é perfecta para iso e estou segura de que suporá un importante pulo tanto para o turismo da comarca como para o deporte en xeral”.
Na reunión tamén se trataron outros temas de interese turístico e económico como o Camiño de Inverno ou as Rutas do Viño.
Fotos: Mónica G. Bellver