SanidadeÚltima hora

No 2023 a área sanitaria ourensá contará cunha nova unidade móbil de doazón de sangue

A Consellería de Sanidade vén de adxudicar o contrato desta nova unidade móbil, por un importe de 353.380 euros

 

No vindeiro ano haberá unha nova unidade móbil de doazón de sangue na área sanitaria de Ourense, logo de que a Consellería de Sanidade procederá a adxudicar o contrato de licitación á empresa Talleres La Campilla, S.L., por un importe de 353.380 euros.

“Con esta medida, a Xunta de Galicia continúa coa renovación e modernización do actual parque móbil de ADOS. No 2018 adquiríronse dúas novas unidades, para as áreas de Santiago e Pontevedra, por valor de 561.440 euros. Posteriormente incorporouse outra á Área de Vigo, cun investimento de 326.000 euros. E no 2021 iniciouse a licitación da que recentemente comezou a prestar servizo na área da Coruña, por un importe de 324.000. Isto, xunto con esta unidade móbil que agora se adxudica para Ourense, fai que se eleve a 1,5 millóns de euros o investimento total nesta renovación”, segundo informa a Administración galega.

Cada día son necesarias entre 400 e 500 doazóns de sangue para cubrir adecuadamente as necesidades de compoñentes sanguíneos dos nosos centros sanitarios, segundo a Xunta. Os datos do balance do pasado ano da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue reflicten que as doazóns acadadas no 2021 supuxeron unha taxa de 39,4 doazóns por cada mil habitantes e ano, cifra que posicionou á nosa Comunidade Autónoma no terceiro posto do ránking nacional.

Estas cifras significan 1.650 doazóns máis con respecto ao ano 2020, un incremento significativo tendo en conta que o 2021 continuou marcado pola pandemia. Dende ADOS quérese “agradecer a todas e todos os doadores o seu compromiso nestas circunstancias tan especiais, que ten permitido aumentar o número de doazóns, así como acadar 6.887 novos doadores, un 9% do total, que se incorporaron á base de doantes de Galicia que, na actualidade, supera os 425.000”.

Artigos relacionados

Back to top button