PolíticaÚltima hora

Noa Presas: “Hai ganas de cambio na xente, hai un Ourense que non se resigna”

A cabeza de lista do BNG por Ourense participaba nun mitin na Rúa acompañada por María G. Albert, número tres da candidatura, e polo concelleiro Avelino Fernández

 

Noa Presas, cabeza de lista provincial polo Bloque Nacionalista Galego, visitou o Concello de A Rúa nun acto de campaña electoral de cara as eleccións autonómicas do próximo 12 de xullo. O mitin, que tivo lugar na Praza de Galicia pouco despois das 20:00h do sábado, 4 de xullo, tamén contou coa presenza dos concelleiros rueses Avelino Fernández e María G. Albert, esta última ex-alcaldesa e actual número tres da candidatura nacionalista por Ourense.

Presas presentou estas eleccións como unha oportunidade para “acabar con dúas pantasmas: as consecuencias destes 11 anos do goberno do Partido Popular e o sentimento de resignación e do derrotismo”. A candidata percibe que “hai ganas de cambio na xente, hai un Ourense que non se resigna” e presentou ao seu partido como a “única alternativa política a outros catro anos de Feijóo” e afirmou que de acceder á Xunta, non titubearán fronte a Madrid ou Bruxelas á hora de defender os intereses de Galicia. Noa Presas destacou que a provincia de Ourense “vai ser un sitio determinante para o medre do BNG” e chamou á mobilización salientando o fito que sería ter a Ana Pontón, unha muller “nacionalista e feminista”, como primeira presidenta da Xunta de Galicia.

 

 

Durante o mítin, a cabeza de lista defendeu un modelo de xestión público para as residencias de maiores. “A vellez non é un negocio”, afirmou Presas. Neste sentido a candidata defendeu a creación dunha comisión de investigación para coñecer as posibles responsabilidades políticas na situación dos centros de terceira durante a pandemia da COVID-19. Para Valdeorras, defendeu a incorporación dunha motobomba na Rúa para a extinción de incendios e urxiu a necesidade dun helicóptero para a base aérea de Vilanova (O Barco).

 

 

No acto tamén interviu a actual edil, que fora alcaldesa da Rúa na pasada lexislatura, María G. Albert, e o concelleiro nacionalista Avelino Fernández. Albert, que agora se presenta como número tres da candidatura afirma que a comarca de Valdeorras está nunha situación de abandono por parte da Xunta de Galicia. Fronte a iso, o BNG considera imprescindible un Plan Integral baseado en tres patas: a mellora de infraestruturas e comunicacións, tanto por estrada como por ferrocarril; desenvolvemento económico, destacando o sector do viño e a industria así como o pequeno comercio; e finalmente a necesidade de apostar polos servizos públicos.

Avelino Fernández, encargado de iniciar o mitin, aseguraba que “máis que nunca, é necesario un cambio galego despois de tantos anos de políticas nefastas do PP”. O edil tamén eloxiou a candidatura do partido pola provincia á que considera “un grupo de mulleres e homes fortes e responsables”. Dentro dela, destacou a figura de María Albert. “E un orgullo ter compartido equipo de goberno con esta muller traballadora e seria”, concluía.

O mitin desenvolveuse baixo a sombra dos plátanos de indias da Praza de Galicia e seguindo estritamente as medidas sanitarias de seguridade, que detallaba ao principio do acto o tamén concelleiro rues, Germán Alejandre Salgado.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button