
O BNG avanza na conformación das candidaturas de cara ás vindeiras eleccións galegas do 5 de abril. Tras completarse o proceso de elección da militancia a través das asembleas comarcais de toda Galicia, as bases nacionalistas amosaban “un apoio unánime ao traballo do grupo parlamentario, apoio que é recollido pola dirección nacional cunha proposta na que as persoas até agora deputados e deputadas repiten posto nas listas”, tal e como se informa dende o BNG.
Así, recollendo a valoración da militancia, a executiva nacionalista formula como proposta que na candidatura por Ourense repita Noa Presas como número, pola Coruña repita como número dous Xosé Luís Rivas (a portavoz nacional é candidata á presidencia, Ana Pontón, encabeza a lista por esta provincia) que Olalla Rodil volva liderar a candidatura por Lugo; e a de Pontevedra por Luís Bará. A tamén deputada na pasada lexislatura, Montse Prado, repite igualmente como número dous na lista por Pontevedra.
Desde Allariz, a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, destacaba neste 27 de febreiro que se trata de candidatos e candidatas que avanzan o perfil das listas que o BNG vai presentar o 5 de abril, combinando renovación e experiencia, cunha aposta decidida pola presenza das mulleres e da xente nova.
“Apostamos por poñer as mellores persoas para darlle confianza aos galegos e as galegas sobre a solvencia do proxecto do BNG para liderar o cambio real a partir do 5 de abril”, salientaba Pontón, “apostamos por aquelo que funciona, por persoas capaces e formadas que lle deron voz aos grandes problemas da sociedade galega e esta experiencia é un valor que enriquece ás candidaturas do 5A”.
A líder nacionalista avanzou que a proposta que a dirección nacional vai someter a votación do Consello Nacional tamén incorporará “novidades importantes que suporán unha aportación relevante”, convencida de que o Bloque “ten as mellores candidaturas e a mellor alternativa programática” para pedirlle a confianza desa maioría social que quere cambio real.
A conformación das listas electorais concluirá coa aprobación definitiva por parte do Consello Nacional, máximo órgano de dirección entre asembleas, este sábado 29, poñendo fin a un proceso desde a base no que participaron cerca de 1.500 persoas en 25 asembleas comarcais por toda Galiza, incluída a da emigración por vía telemática.
Como resultado desas asembleas, a militancia trasladou á dirección do BNG 234 propostas de candidatos e candidatas, coa constatación dun apoio unánime de todas as asembleas á hora de poñer en valor o traballo do grupo parlamentario.