PolíticaÚltima hora

Noela Blanco (PSdeG-PSOE) propón un debate a dous “con preguntas abertas da militancia”

A candidata á Secretaría Provincial reiterou estar “forte” fronte ás Primarias do día 30 de decembro e dixo que o obxectivo da súa candidatura é “rematar co clientelismo na Deputación”
Noela Blanco. // Foto: Carlos Asensio.

A deputada socialista e candidata á Secretaría Provincial do PSdeG-PSOE propuxo hoxe, 22 de decembro, nun almorzo informativo con xornalistas, facer “un debate a dous con preguntas abertas da militancia”. Esta solicitude trasladoulla á xestora para que o organice. Blanco dixo que a liña deste encontro será sen límites “que a militancia pregunte o que sexa necesario para decidir o seu voto”. Noela Blanco asegurou sentirse “forte” fronte a esa segunda volta do 30 de decembro, “porque chegue ata aquí sen o favor da militancia”.

A deputada no Parlamento de Galicia destacou que “esta é unha obriga dos candidatos”, a de expoñerse ás preguntas, polo que fixo este chamamento ao seu contrincante, Rafael Rodríguez Villarino, a realizar este encontro “de xeito sosegado e construtivo”.

En canto á separación interna do partido, a candidata dixo que ela aposta pola unión. “A miña executiva será a da integración, estarán aquelas persoas que poidan aportar”, dixo, remarcando que esta premisa estaba comprendida no decálogo que presentou hai case un mes. Asegurou que este pensamento “é necesario para rematar con esta época triste”. Neste eido reiterou que o que fai falla “é aportar unha alternativa de esquerdas cara ás municipais”.

Precisamente, preguntada polos comicios municipais do 2019, a candidatura de Blanco ten dous obxectivos claros: “gañar a Deputación e reforzar as agrupacións locais”, asegurou. A cidade de Ourense tamén tivo presenza no seu discurso. O seu contrincante, Rodríguez Villarino, dixo que facía falta un cambio político na cidade. Neste senso, a candidata foi máis neutral e asegurou que ela vai empregar a democracia interna facendo un proceso de primarias “para que sexa a militancia a que elixa ao candidato”. Aínda así, reiterou que na cidade “hai que eliminar os individualismos e facer un proxecto colectivo”.

No eido da Deputación, e tras o polémico cambio de voceiro de Ignacio Gómez – actual alcalde de Ribadavia e que apoiou a Blanco na súa candidatura- a Francisco Fraga, a deputada socialista asegurou que o cambio “non é o obxectivo”. No en cambio, dixo que iso será unha decisión a tomar no seo da Executiva Provincial, pero asegurou que “para gañar a Baltar hai que traballar dende abaixo” xa que esta é a única maneira de rematar, dixo, co “clientelismo e o paternalismo da institución”.

Noela Blanco declarou que ningún dos candidatos se puxo en contacto con ela. “O meu compromiso é coa militancia”, remarcou. E adiantou que a semana que vén vai ter un acto no Carballiño, unha das vilas clave xa que o terceiro candidato na primeira volta, Pachi Vázquez, foi o máis votado neste concello.

A pesar de estar confiada de poderes gañar os comicios do vindeiro día 30 manifestou que, de non saíres elixida, “o Secretario Provincial terá todo o meu apoio”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button