Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

Valentín González Formoso: “Reequilibrar o eixo interior vai ser unha obsesión para o PSdeG”

O secretario dos socialistas galegos reuníase esta tarde no Barco con candidatos pola provincia ás eleccións galegas, alcaldes e voceiros deste partido en Valdeorras

 

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso; a candidata ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; e o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; mantiñan esta tarde no Barco un encontro con alcaldes e voceiros socialistas da comarca de Valdeorras de cara ás eleccións autonómicas.

“Hoxe estamos aquí no Barco para reclamar unha mellora dos servizos públicos na comarca, nomeadamente a sanidade. O PSOE preséntase ás vindeiras eleccións autonómicas coa idea de que o eixo atlántico coopere en intentar mellorar e equilibrar as posibilidades do eido interior de Galicia, Lugo e Ourense necesitan que se dupliquen os investimentos non financeiros do goberno galego, sobre todo en Ourense, para mellorar servizos públicos como a sanidade moi castigada en Valdeorrras e todo o que ten que ver con infraestruturas que permiten mellorar as potencialidades desta terra”, dicía González Formoso.

E incidía en que “se a esta terra se lle axuda, esta terra axudará a Galicia. E para iso temos que darlle ferramentas para defenderse, infraestruturas, boas conexións e servizos públicos de calidade ademais de chan industrial para albergar as iniciativas emprendedoras dunha terra que si o é historicamente”.

Neste senso o secretario xeral dos socialistas galegos asegura que “imos afrontar estas eleccións autonómicas cunha mensaxe clara a esta terra, de optimismo de ilusión. Outra provincia de Ourense é absolutamente posible, e todo pasa por que Galicia concentre os seus esforzos nos próximos 10 anos en Lugo e en Ourens. Reequilibrar o eixo interior de Galicia vai a ser unha obsesión para o partido socialista de Galicia, para o seu candidato José Ramón Gómez Besteiro, e unha liña estratéxica no seu discurso e no seu programa”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button