A precandidata á secretaría provincial do PSdeG-PSOE, Noela Blanco, mantivo hoxe, 23 de novembro, un encontro coa militancia de Ourense, coa que se comprometeu a “manter viva a memoria histórica” se lidera o partido.
Blanco estivo arroupada por varios compañeiros socialistas como a secretaria xeral do socialismo local da cidade, Carmen Dacosta, que se desfixo en loas coa precandidata. Dacosta deulle paso a José Ángel Vázquez Barquero, voceiro do Grupo Municipal Socialista no Concello de Ourense, que salientou que un candidato que merece o seu apoio ten que ter “coherencia e transparencia” algo que a precandidata “encarna ao 100%”, dixo o socialista, que reiterou, dirixíndose á precandidata, que “perderás todo o meu apoio se non es capaz de cumprilas”.
Blanco pediulle e ao resto de precandidatos que asuman “un compromiso de transparencia e honestidade coa militancia” nesta primeira fase de recollida de avais, e que aclaren dende o principio se hai pactos de previos ou acordos ou se alguén se presentou con esta intención. “A militancia merece ser tratada con respecto e poder avalar con información veraz”, dixo a precandidata. Finalmente, asegurou que vai chegar ata o final co seu proxecto “porque estou convencida de que é o que o partido necesita” e reiterou que a súa candidatura “pode significar un cambio real na forma de facer as cousas”.
No seu discurso, Noela Blanco comprometeuse a organizar un ciclo anual de relatorios que leve o nome de Manuel Suárez, o último alcalde republicano de Ourense, fusilado en 1937. A deputada pola provincia e precandidata sente, neste eido, que as novas xeracións teñen a responsabilidade de que “non se perda a memoria do traballo pola liberdade e a democracia” de moitos concelleiros e militantes socialistas de todas as comarcas ourensás. “Temos que dignificar as vítimas, e a xente nova debe coller esa testemuña”, afirmou a socialista. En canto á oposición, Noela Blanco lamentou que “os gobernos do PP teñan esquecido e soterrado a aplicación da Lei da Memoria Histórica socialista, unha actuación que na provincia de Ourense é especialmente palpable, cunha falta de interese e de sensibilidade absoluta da dereita”.
Fotos: Carlos Asensio.