Entre Sobradelo e Pumares, no concello de Carballeda de Valdeorras, e en pleno Camiño de Inverno moi preto xa da provincia de León, está o lugar de Nogueiras, unha aldea abandonada dende hai máis 70 anos, rodeada de árbores senselleiras e cun encanto especial que chamou a atención da alcaldesa Mª Carmen González, ata o punto de ter a intención de recuperala.
“É un rincón único, moi bonito, que no seu momento foi núcleo poboacional, algo que nos gustaría recuperar. Está totalmente abandonado pero os propietarios son conscientes de que non pode seguir así polo que penso que non haberá ningún problema en chegar a un acordo con eles e, coa colaboración da Xunta, tratar de darlle vida a este lugar na medida en que tecnicamente sexa posible e os medios económicos o permitan”. Así o explicaba a alcaldesa de Carballeda durante a visita que o conselleiro do Medio Rural, José González, realizaba a Valdeorras na mañá deste luns 7 de xuño.
O responsable da carteira do Medio Rural da Xunta mantiña primeiro unha resunión con empresarios do sector da lousa na sede do Clúster da Pizarra de Galicia e despois, en torno xa ao mediodía, achegábase xunto a propio alcaldesa e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, ata ese pequeno recuncho do concello de Carballeda chamado Nogueiras. Alí, tras visitar os restos das vivendas que aínda manteñen en pé os grosos muros de pedra vermella, González asegurou que se trata “dun lugar máxico”.
O conselleiro asegurou que hai moitas aldeas abandonadas en Galicia pero dende a Xunta buscan lugares que teñan un aproveitamento no desenvolvemento económico posterior “e parécenos que unha aldea na entrada a Galicia, en pleno Camiño de Inverno e nunha zona con posibilidades para o desenvolvemento da actividade agrogandeiras como esta, co río Sil debaixo, pode ser unha oportunidade para recuperar. Despois de vela falamos xa non só de aldea modelo, senón da posibilidade de recuperación integral, respectando a arquitectura tradicional pero converténdoa nunha chamada para darlle ese aproveitamento económico á aldea e á súa contorna”.
o conselleiro sinalou que o lugar ten un gran potencial e reúne as condicións para converterse nesta figura de mobilización de terras, recollida na nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Neste senso, falamos dun perímetro dunhas 13 hectáreas que permitirán incentivar a actividade económica arredor deste núcleo de Nogueiras á vez que se actúa na prevención e, polo tanto, na anticipación aos incendios forestais. Nesta liña, José González lembrou que a día de hoxe hai un total de 14 aldeas modelo declaradas na nosa comunidade, das cales 10 se sitúan na provincia de Ourense.
Trala visita a Nogueiras, a comitiva visitaba a igrexa de Pumares recentemente restaurada con fondos do Agader. “En lugar doutras actividades, nos aproveitamos esa subvención para restaurar o patrimonio do municipio”, asegurou a alcaldesa, Mª Carmen González.
Fotos: Mónica G. Bellver.