Non está moi claro se son un grupo de rock, un grupo de música ou un grupo de humor, pero mesturando media ducia de xoves animados aos que lles gustan o rock, a música e o humor dá como resultado Os Fillos do Estramonio.
Máis de cen actuacións ao longo da súa dilatada carreira en diferentes festivais, verbenas e locais de toda Galicia respaldan a calidade musical e artística desta banda que actuaba na madrugada do 8 de setembro á beira do río, no Malecón do Barco de Valdeorras.
Facíano despois do concerto de música tradicional a cargo de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre, convidando a bailar aos asistentes ao ritmo dos clásicos do rock & roll que reinterpretan con letras adaptadas ao galego con contidos en clave de humor.
Á beira do río e de madrugada, a temperatura non era alta precisamente, por iso non é de extrañar que precisaran dalgún licor para entonar o corpo (as botellas destacaban no escenario), e que mellor que Licores Barbudos, presentes no Salón de Produtos Tradicionais.
Fotos: Carlos G. Hervella.