Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Nova agrupación socialista en Trives con Ángel Sabín como presidente

Presentábase publicamente na vila nun acto ao que asistía o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e no que poñía a vista nas vindeiras eleccións municipais

Tras un letargo de anos, a agrupación local socialista de Trives volve a cobrar vida. “Temos que recuperar a ilusión, ver que se poden facer cousas, coller isto con ánimo e ilusión e apoiar. Necesítase moita xente e en todos os sitios, o partido é unha rede que vai dende o goberno central ata as localidades máis pequenas”, dicía Ángel Sabín, presidente desta nova agrupación local no acto de presentación da mesma, que tiña lugar na tarde do 20 de xullo nun abarrotado salón do Hostal La Viuda da vila. Ademais, Sabín aludía ao problema da despoboación na comarca trivesa, “hai que buscar solucións e facer que nestas zonas se manteña o mesmo nivel de vida que noutras”.

 

Ángel Sabín, presidente da nova agrupación socialista de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

No acto tiñan lugar máis intervencións, entre elas a da barquense Ofelia Puente, que leva a Secretaría de Política Social na executiva provincial, quen destacaba a importancia de formar parte dunha agrupación local e animaba ao novo equipo trivés. Despois falaba o secretario provincial do partido socialista, Rafael Villarino, quen sinalaba que “estamos intentando revitalizar o partido, rescatar os valores máis profundos”, e aseguraba que é “incrible que o PSdeG non teña representación en Trives, un lugar que loita pola atención para os seus fillos, nunha das comarcas máis envellecidas e onde os novos non teñen oportunidades para que poidan saír adiante”.

Pechaba a presentación o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen amosaba a súa satisfacción por atoparse “nun salón cheo de xente” o que é sinal, dicía, “da capacidade que ten o partido de chegar a cada recuncho do país”. Incidía na necesidade de estar pendentes das “necesidades dos concellos e dos veciños porque o PSdeG é o partido da igualdade, solidariedade e xustiza. E por iso agora é máis necesario que nunca”. Comentaba a reunión que mantiña antes desta presentación con nais e pais da zona que lle transmitían a problemática da falta de atención pediátrica no verán en Trives. “A sanidade pública é un dereito fundamental que non podemos permitir que hoxe se recorte”, subliñaba.

Caballero referíase ademais ás vindeiras eleccións municipais, “quedan dez meses e hai que traballar con moita forza, temos que conseguir loitar en cada concello por cada voto. Hai marxe para facelo e o vento vai soprar a favor do PSdeG”. E, con respecto ao goberno galego, sinalaba que o partido socialista “vai dar un impulso moi forte para cambiar o goberno da Xunta”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button