
Tras un parón de tres anos por mor da pandemia, as adegas soterradas de Seadur (Larouco) volverán abrir as súas portas no marco dunha ruta que combina a tradición, coa festa, o viño e a gastronomía. Así, mantendo a súa data habitual, na tardiña do Sábado Santo, o vindeiro 8 de abril celebrarase unha nova edición da ruta “As Covas de Seadur”.
Un total de 19 covas teñen previsto abrir as súas portas ao público a partir das 18:30h. Para poder participar, será preciso abonar un donativo de 15 euros os adultos e de 5 euros os nenos (de 7 a 12 anos). Ademais, os valdeorreses poderán reservar praza na ruta no Concello de Larouco, acudindo a casa consistorial para abonar o importe da entrada. A cambio recibirán un tícket que o día da ruta, cambiarán pola súa cunca, tal e como adiantan dende a organización.
Esta nova edición deste evento, no que non faltarán petiscos quentes moi variados e o bo viño mencía e godello, tamén estará animada pola actuación de tres charangas. Esta cita será organizada pola Asociación As Covas de Seadur en colaboración co Concello de Larouco.