“Todo o que merece a pena na vida require un esforzo”, aseguran dende AMAVA, destacando que o vivido onte no Escondite Inglés da Rúa foi “inconmensurable”.
Tralo éxito da sesión vivida a finais do mes de novembro, na que aseguraban ter desfrutado moito, dende a Asociación de Música Alternativa de Valdeorras decidían organizar unha nova Jam Session neste local de hostalaría ruesa, desta volta ás portas do Nadal, na noite do venres 20 de decembro.
Alí, “como cando van subido nunha barca onde todos reman na mesma dirección, todos axudan para chegar ao mesmo porto, os músicos intercambiábanse nas cancións con naturalidade, a experiencia coa experiencia, sendo así como se pode conseguir que os temas cobren unha vida distinta”, aseguran satisfeitos dende o colectivo de músicos que desfrutaron de “case tres horas de música en directo, irrepetibles, sensacións inexplicables pero sobre todo moito irmandamento e moitas ganas de seguir adiante e crecer. Iso son as Jam de AMAVA”, conclúen, seguros de que non será a última.
Fotos e vídeo cedidos.