ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Novas áreas no reparto de concellerías de Trives

A alcaldesa, Patricia Domínguez, explicaba estas novas delegacións nunha rolda de prensa na que tamén anunciaba a próxima apertura das piscinas municipais en xullo e o inicio de DiverTrives

Na sesión plenaria celebrada na tarde do 1 de xullo a Corporación trivesa aprobaba en pleno o reparto de concellerías entre os membros do novo equipo de goberno, que preside a socialista Patricia Domínguez, e do que tamén forma parte Son de Trives-En Marea.

Tras a sesión, a alcadesa daba conta en rolda de prensa das novas áreas e dos seus delegados. Así a Concellería de Protección Civil, Xuventude, Mobilidade e Seguridade Cidadá está en mans de Jorge Vázquez, mentres que Ana García é a nova concelleira de Cultura.

O responsable da Concellería de Vías, Obras, Urbanismo, Medio Rural, Deportes e Contratación é Miguel Sierra, en tanto que Cristina Paz está á fronte da Concellería de Igualdade, Benestar Social, Sanidade, Familia, Educación e Medio Ambiente; e Rubén Armenteros é o concelleiro de Economía, Facenda, Desenvolvemento Económico, I+D, Dinamización Administrativa, Emprego, Comercio e Transporte.

Finalmente, a rexedora asume ás areas de Persoal, Turismo, Patrimonio e Cooperación Institucional. “Isto supón un avance con respecto a corporacións anteriores xa que incluíronse áreas que ata agora non estiveran nunca recollidas no reparto dos anteriores grupos de goberno”, matizaba a alcaldesa de Trives.

 

 

Apertura das piscinas e posta en marcha dunha nova edición de DiverTrives

Deseguido, Patricia Domínguez aseguraba que o novo goberno trivés atopábase nada máis chegar con “problemas puntuais que requerían unha solución inmediata e urxente e ante os cales os veciños encontrábanse expectantes”. E aludía en concreto á situación das piscinas municipais. “No pleno do 28 de marzo do 2019 o anterior grupo de goberno comprometíase a abrir as piscinas, pero non se fixo nada ao respecto”, e anunciaba que “nós si o fixemos e nunha semana, para poder abrilas con garantías de seguridade e legalidade neste mes de xullo”.

A rexedora tamén criticaba a “ausencia total de coordinación e de organización ao respecto de DiverTrives. E ademais detectamos que esa falta de dilixencia derivou na perda dunha subvención e detectamos irregularidades en canto ao axuste legal de anteriores edicións”. E anunciaba que nos vindeiros días abrirase o prazo de inscricións para, dese xeito, poder comezar a actividade canto antes.

Patricia Domínguez tamén comentaba que o grupo de goberno mantivo unha xuntanza con operarios do Concello na que “vimos a falta de absoluta irresponsabilidade, xa que os traballadores non tiñan equipos de protección individual, e estaban sen cursos de prevención de riscos laborais e sen material adecuado. E, en breve, xa comezarán a formación en prevención de riscos laborais”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button