Continúa a loita contra a avespiña do castiñeiro en Galicia. A Consellería do Medio Rural prevé liberar un total de 1,6 millóns de exemplares do parasito Torymus sinensis (45.711 viais) antes do verán. Na provincia de Ourense é na que máis soltas se están a realizar para combater esta praga, tendo en conta a importancia do cultivo neste territorio. Así, no que vai de ano liberáronse xa un total de 390.145 individuos de Torymus (11.147 viais), segundo os datos da Xunta.
“No conxunto de Galicia soltáronse ata o de agora máis de 31.000 viais con Torymus, o que equivale ao 68% das soltas previstas para 2019, cifra que xa supera á suma dos viais soltados nos anos 2017 (4.194) e 2018 (20.122). As soltas continuarán durante esta semana e a primeira de xuño, ata acadar o número previsto”, segundo se informa dende a Administración autonómica.
Estes datos foron explicados hoxe pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, durante a solta deste parásito no concello de Baltar, que estivo acompañada polo xefe territorial do departamento autonómico do Medio Rural, Yago Borrajo.
Polo de agora realizáronse soltas de Torymus sinensis na maior parte dos concellos de Ourense, 84 dun total de 92, incluíndo todos aqueles con presenza significativa de castiñeiros. En concreto, en 11 destes municipios liberáronse máis de 11.000 viais, segundo a Xunta: Viana do Bolo, Nogueira de Ramuín, Castro Caldelas, Laza, Maceda, Celanova, San Xoán de Río, Vilamarín, Riós, Larouco e A Pobra de Trives.
A loita biolóxica mediante a liberación deste parasitoide está considerada o sistema máis eficaz para facerlle fronte aos danos que causa a avespiña e por iso a Xunta está a reforzar estes labores tendo en conta as condicións meteorolóxicas e o estado dos soutos, coa autorización do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. A Consellería do Medio Rural destina este ano 2,1 millóns de euros a estas actuacións de loita contra esta enfermidade forestal.
No outono está previsto realizar unha recollida de bugallas e xemas apicais de castiñeiro, para o seu envío ao laboratorio de Areeio para coñecer así a presenza de Torymus nas masa de castiñeiro e, ao mesmo tempo, a efectividade do tratamento.