En portadaÚltima hora

Novo impulso á necrópole altomedieval de San Vítor de Barxacova (Parada de Sil)

Un convenio entre o Concello de Parada de Sil e a Consellería de Cultura permitirá consolidar e poñer en valor o forno de fundición de campás datado no século IX e descuberto neste xacemento arqueolóxico
Necrópole altomedieval de San Vítor de Barxacova (Parada de Sil)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Está considerada unha das necrópoles máis importantes do noroeste peninsular para o período alto medieval. O significado e importancia de San Vítor de Barxacova ía desvelándose a través dunha serie de campañas arqueolóxicas promovidas polo Concello de Parada de Sil a partires do ano 2010.

Así, as diferentes intervencións revelaron a existencia dunha capela que existiu no alto dunha pena e unha serie de 35 sepulturas escavadas na rocha, repartidas en tres sectores diferenciados. Descubríase tamén un forno de fundición de campás (escavado entre os anos 2013 e 2014) do século IX e despois soterrado por motivos de seguridade e conservación.

Agora o Concello de Parada de Sil aposta por sacalo de novo á luz. Neste senso a súa alcaldesa, Yolanda Jácome, vén de asinar na mañá do 3 de setembro un convenio de colaboración coa Consellería de Educación e Cultura (Dirección Xeral de Patrimonio) un convenio no día de hoxe por importe de 25.000 para a posta en valor deste forno de fundición. No acto, ademais da rexedora, estaban presentes o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a directora xeral de Patrimonio, Mari Carmen Martínez.

 

A alcaldesa de Parada de Sil (no centro), co conselleiro de Cultura e coa directora xeral de Patrimonio./ Foto cedida.

 

“Agora será posible a realización dunha consolidación e musealización do singular forno de campás e incorporalo así, como un elemento destacado, dentro da xa por sí singular xacemento, aumentando o seu interese científico e atractivo cultural e turístico”, tal e como se destaca dende o Concello de Parada de Sil.

San Vítor de Barxacova é un xacemento que destaca ademais pola presenza nel de tumbas superpostas, o que amosa unha perdurabilidade no tempo deste tipo de enterramentos, ademais de claras probas de reaproveitamento das tumbas por máis dun individuo, cun curioso, e apenas sen paralelos, osario cuadrangular anexo aos pés da sepultura. A partir do estudo dos restos óseos é posible datar este xacemento no século X-XI, é dicir, o momento de máximo desenvolvemento do movemento eremita, coetáneo á Cidadela de Santa María entre os ríos Fiscaíño e Bibei (A Pobra de Trives).

Dende o Concello e Parada de Sil recórdase que esta necrópole dispón de paneis in situ con información sobre o xacemento en códigos QR e antenas NFC en seis idiomas, que os visitantes poden descargar.

Artigos relacionados

Back to top button