A Consellería de Sanidade está a potenciar a Hospitalización a Domicilio (HADO) en Valdeorras “potenciando mediante a dotación de medios para unha maior cobertura”, tal e como asegura a directora do Distrito Sanitario do Barco, Margarita Rodríguez.
Nese senso menciona o novo vehículo,“100% eléctrico e ecolóxico, Renault Zoe etiqueta cero, o primeiro destas características en Galicia”, que vén de recibir a HADO valdeorresa en febreiro para o desprazamento dos seus profesionais.
A Hospitalización a Domicilio busca “manter os coidados hospitalarios naqueles pacientes que son susceptibles de ter a alta hospitalaria para continuar co seu tratamento na casa, pero cuns coidados médicos e de enfermería especializados, ou ben para manter no seu domicilio a pacientes que, se non fose por esa atención, deberían ter ingresado”, explica Margarita Rodríguez, directora do Distrito Sanitario de Valdeorras, que dende o 22 de xaneiro ofrece este servizo ao conxunto de concellos desta zona.
Son un total de 14: O Barco, Rubiá, Carballeda, Vilamartín, A Rúa, Petín, Larouco, Trives, Manzaneda, San Xoán de Río, Viana, Vilariño de Conso, A Veiga e O Bolo. O HADO do Hospital de Valdeorras “amplíou a súa carteira de servizos, contando dende finais de xaneiro cun médico especialista en xeriatría e cunha enfermeira con dedicación exclusiva na unidade”, engade Rodríguez.
Neste tempo o equipo mantivo reunións con Atención Primaria para ultimar plans de traballo e vías de derivación de pacientes. “Reforzouse tamén o vínculo da atención especializada coa Atención Primaria, permitindo que ambos equipos de profesionais asistan ao paciente de forma coordinada e programando visitas conxuntas cando é necesario e establecendo circuítos de derivación. Deseñáronse ferramentas electrónicas para facer posible esta derivación e para que os profesionais poidan facer consultas a HADO”, di a directora do distrito.