A partir do vindeiro martes, día 21, os horarios dos autobuses entre O Barco de Valdeorras e A Gudiña adáptanse para axustalos ás novas horas de paso pola Gudiña dos trens que conectan con Madrid.
“A posta en servizo do treito de alta velocidade entre Pedralba e Ourense e a reconfiguración da oferta de servizos ferroviarios por parte de Renfe fai preciso adecuar os horarios de autobús que posibilitan a intermodalidade dos pasaxeiros do tren”, segundo vén de informar a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
Para garantir que se manteñan enlaces con espera reducidas, a Xunta crea “un novo servizo entre O Barco de Valdeorras e A Gudiña e optimiza outros 4, o que permite unha coordinación, tanto para as saídas coma para as chegadas de 5 trens con orixe ou destino en Madrid”, segundo informa a administración galega.
A nova expedición entre O Barco de Valdeorras e A Gudiña contará con saída ás 09,15 horas e realizarase nunha nova liña cun itinerario directo, que reduce a duración da viaxe, chegando á estación ás 10,25 horas. Este horario posibilita que a espera sexa de só 10 minutos co tren que ten hora prevista de paso cara a Madrid ás 10,35 horas.
Os axustes deseñados polo departamento de Mobilidade da Xunta tamén garanten nas outras 4 expedicións a coordinación sen esperas cos trens que pasan pola Gudiña cara a Madrid ás 08,01 horas e ás 19,30 horas. Do mesmo xeito, a Xunta facilita a intermodalidade aos pasaxeiros que chegan de Madrid ás 15,35 horas e ás 20,00 horas, modificando os horarios do autobús, con saídas ás 16,15 horas e ás 20,05 horas.