CulturaCulturaÚltima hora

Novos traballos de documentación nas pinturas prehistóricas de Pala de Cabras en Casaio (Carballeda de Valdeorras)

Unha das pinturas rupestres da Pala de Cabras.

 

O equipo de Sputnik Labrego vén de infomar de que na vindeira semana volverá aos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras) para continuar os traballos de documentación e posta en valor das pinturas prehistóricas de Pala de Cabras. Estas pinturas foron descubertas en febreiro de 2019 e dende o pasado mes de novembro son obxecto dun proxecto específico co obxectivo de valorar o seu estado de conservación así como de contextualizar a súa cronoloxía e contexto histórico. “En novembro tivemos a oportunidade de escavar dentro da pala, puidendo documentar varios materiais que pensamos son de época prehistórica, dunha época moi próxima á pintura orixinal dos ídolos oculados”, comenta Carlos Tejerizo, director do proxecto. “Estamos en trámites de estudo e de datación por termoluminiscencia de algúns destes materiais, para ter unha información moito máis segura do contexto histórico no que se fixeron as pinturas, hai 5000 anos”, engade.

Os traballos da vindeira semana centraranse na documentación exhaustiva tanto das pinturas en si mesmas como da propia Pala de Cabras. Deste xeito preténdese realizar fotografías infravermellas na procura de máis motivos nas paredes deste lugar. Ata agora, teñen sido documentadas preto dunha trintena de pinturas, non obstante os investigadores están seguros de que hai máis. “Con este tipo de fotografías poderemos determinar non só se hai máis pinturas, senón tamén estudar mellor as que xa coñecemos, como os ídolos oculados”, indica Celtia Rodríguez, coordinadora en campo dos traballos.

Por outra banda, consideran que a documentación tridimensional da pala será fundamental para a posta en valor da pala. “Un dos obxectivos a medio prazo é, obviamente, pór a disposición do público este sitio único. Porén, pola súa dificultade para achegarse ata aquí, será moi importante dar este tipo de información para podela ter nas redes. A xente que non poda vir directamente, poderá velo todo a través dunha páxina web”, apunta Celtia Rodríguez.

Estes traballos, acometidos pola Asociación Científica Sputnik Labrego, contan co apoio da Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira e serán realizados por “especialistas en documentación arqueolóxica con ampla experiencia noutros contextos similares a Pala de Cabras”, adiantan. Unha vez rematado o proxecto, o conxuntos dos resultados serán postos a disposición do público nunha conferencia que terá lugar no Barco de Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button