Pequeno electrodoméstico, roupa e calzado, coidado persoal, produtos típicos da zona, agricultura, artesanía, xoiería,… Son os sectores representados na I Feira de Oportunidades da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel que abría as portas na mañá deste sábado 11 de marzo no pavillón de Ribas de Sil (San Clodio).
Tal como explica a presidente da asociación, Almudena Rodríguez, a idea nacía por parte dos comerciantes. “Foi medrando e decidimos facer esta feira para probar a ver que tal sae”, di, engadindo que esta primeira edición que se celebra toda a fin de semana ten lugar no concello de Ribas de Sil pero a idea é “facela cada ano nun dos tres concellos que engloba a asociaación: Quiroga, Ribas de Sil e Courel”.

En horario de 11 a 20 horas, hoxe e tamén mañá, a maioría dos postos son do concello pero tamén hai dos outros dous que forman parte da asociación e incluso de concellos de Valdeorras como A Rúa ou O Barco.
Coa moita ilusión e ganas de que se poida desfrutar de todas as ofertas dispoñibles nos diferentes sectores comerciais, dende a asociación adiantan que están preparando outra iniciativa para o mes de maio. “Será a I Festa do Empresario, con actividades pola mañá nos comercios e pola tarde festa con panceta gratis”, avanza Almudena, recoñecendo que aínda non teñen pechado o programa pero que será na praza de España, en Quiroga “coa idea de movela tamén polos outros dous concellos”.
Fotos: Carlos G. Hervella.