OurenseÚltima hora

Nuria Picos Piñeiro, nova delegada en Galicia da Asociación Española de Protocolo

Establecer unha liña de colaboración coas diputacións provinciais, para trasladar o apoio e asesoramento da asociación a aqueles concellos que o precisen, é unha das metas da súa xestión

Nuria Picos, nova delegada en Galicia da Asociación Española de Protocolo.

 

Despois de que a finais do pasado mes resultase elixida nas eleccións territoriais, Nuria Picos Piñeiro tomaba  onte posesión como nova delegada en Galicia da Asociación Española de Protocolo (AEP). Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, exerce como Técnico Superior de Protocolo na Presidencia da Xunta de Galicia desde hai 31 anos, cargo ao que accedeu por oposición.

Picos asume “con ilusión” unha responsabilidade que supón un novo reto na súa carreira e desde a que exercerá como ligazón para transmitir á directiva nacional da AEP as inquietudes dos asociados galegos. Entre as súas metas, proponse incrementar o número de socios en Galicia e establecer unha liña de colaboración coas deputacións provinciais para trasladar o apoio e asesoramento da asociación a aqueles concellos que o precisen por carecer de persoal especializado en protocolo. Así mesmo, traballará na defensa da profesión tratando de evitar o intrusismo en todas as súas formas. “Ninguén contrataría a alguén sen a debida formación nunha asesoría xurídica Por que no noso campo si?”, sinala.

En opinión de Nuria Picos, debe normalizarse a contratación de profesionais nas institucións “non mediante a libre designación, vinculados á autoridade que lles nomea, senón atendendo á formación e a experiencia”. Profesionais, engade, “que consigan converter os actos nunha ferramenta de comunicación directa”. Só así, “deixariamos de ser percibidos por algúns sectores unicamente como persoal de acompañamento e apoio”.

A nova delegada da AEP en Galicia ten claro que a organización dun evento “precisa dunha detallada planificación previa que permita que a mensaxe que pretendemos trasladar con ese evento resulte harmónico e ordenado e proxecte a mellor imaxe da autoridade e da institución”. Por outra banda, sinala que esta profesión require unha actualización permanente para adaptarse en cada momento á evolución da sociedade e considera que o protocolo debe entenderse “non como algo encorsetado e rancio, digno dunha corte barroca, senón como un bo facer que consegue, sen que se note, limar posibles asperezas e achegar posturas”.

Fundada hai máis de 20 anos, a Asociación Española de Protocolo traballa na defensa dos intereses dos profesionais do Protocolo no noso país. Entre os seus fins específicos inclúense o asesoramento, o control do intrusismo e as malas prácticas, o fomento da formación profesional continuada dos seus asociados e o impulso da conciliación da demanda laboral coa formación académica específica.

Artigos relacionados

Back to top button