A 11º edición do Salón do Automóbil organizado entre Expourense e A.C.A.U.T.O. pechaba as portas na tarde do domingo 27 de outubro acadando cifras similares a edicións anteriores. En total, segundo os datos aportados por A.C.A.U.T.O. foron 393 os coches vendidos tanto novos como de ocasión, e 13.500as visitas ao recinto feiral durante as dúas fins de semana que durou o salón. Trátase dunhas “cifras positivas xa que as vendas de automóbiles en Ourense levan un ano experimentando unha baixada do 12%”, explican dende Expourense, asegurando que os datos positivos desta edición “contribuirán a dinamizar as vendas de cara aos resultados de fin de ano, aínda que as cifras desta edición son lixieramente inferiores ás do ano pasado (vendéranse 429 coches).
En total, o salón ofrecía vehículos de todas as marcas e modelos coas mellores condicións non só no prezo senón tamén de financiación, seguros (co “a todo risco” de regalo en moitos casos), garantías (de ata 4 anos ou máis) e servizos engadidos.
A próxima cita en Expourense será a Xornada de Exaltación da Calidade e a entrega dos IX Premios Líderes en Calidade que se celebrará coincidindo co Día Mundial da Calidade, o vindeiro xoves 7 de novembro. No referente a feiras, a próxima será os días 8, 9 e 10 de novembro coa celebración da 4ª edición de Antiq Auria, Feria Internacional de Antigüedades.