SanidadeÚltima hora

O 19 de outubro celebrarase no CHUO un torneo solidario de mus polo Día Mundial contra o Cancro de Mama

 

Na mañá deste luns 6 de outubro presentábase o Torneo Solidario de Mus con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama que se celebrará o sábado 19 de outubro, organizado polo Servizo de Oncoloxía do CHUO en colaboración co Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria para dar visibilidade e sensibilizar á poboación cunha mensaxe crave: a importancia da detección precoz, a fin de mellorar o prognóstico e a supervivencia dos casos, o cal segue sendo a pedra angular da loita contra esta enfermidade, que representa a primeira causa de morte na poboación feminina a nivel mundial.

No acto de presentación estiveron presentes a Xefa de Servizo de Atención ao Paciente e Humanización, Belén Piñeiro, o Presidente da AECC Ourense, Germán Rodríguez Saá, a Coordinadora da AECC no Hospital, Belén Pérez Ramos, o Presidente e Vicepresidente da Asociación Cultural Museiros Ourense, Antonio Losada e Moncho Bouzo, a Directora de Márketing de Apetéceme, Vanessa Ventosinos, o Xefe de Servizo de Oncoloxía, Jesús García Mata, e a supervisora de enfermaría de Oncoloxía, Loli Fernández.

 

 

O torneo disputarase na cafetería Apetéceme do Hospital Universitario de Ourense durante todo o sábado e a inscrición xa está aberta desde hai dúas semanas para unha participación de sesenta parellas que poderán formalizar a súa inscrición na app Mustotal. Toda a recadación das inscricións está destinada integramente para os programas de axuda da Asociación contra o cancro de Ourense e tamén haberá unha fila 0 para todos aqueles que queran aportar o seu grao de arena na conta da AECC (ES68 2080 0475 563040000077).

Germán Rodríguez Saá, Presidente da AECC resalta “o agradecemento aos organizadores porque grazas a este tipo de torneos solidarios conseguimos dar unha maior visibilidade a nosa asociación para que a xente coñeza os servizos, programas e axudas que desenvolvemos a diario e que tamén permiten que podamos axudar a financiar varios proxectos de investigación para loitar contra o cancro”.

 

 

O cancro de mama en Ourense

No Hospital Universitario diagnostícase unha media de 200 novos casos anuais, a maioría cun diagnóstico precoz o que eleva as posibilidades de curación ao 90%, e moitas pacientes poden recibir o seu tratamento e consultas directamente nos hospitais públicos de Verín e Valdeorras, máis preto da súa casa e evitando desprazamentos periódicos.

No que vai de ano cerca de seiscentos pacientes, na súa maioría mulleres, pero tamén hai homes, accederon a vía rápida de cancro de mama, que permite que axilizar a primeira consulta en caso de sospeita por parte do seu médico de cabeceira ou outros especialistas, nun máximo de dous días, o que adianta os prazos dos estudos diagnósticos e tratamento de ser preciso.

Jesús García Mata, xefe de servicio de Oncoloxía resalta que “o traballo en equipo é clave, e por elo os profesionais directamente implicados no seu diagnóstico e tratamento desde os servizos e unidades de Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Unidade de Radiodiagnóstico de Mama, Unidade de Cirurxía de Mama, Anatomía Patolóxica, Medicina Nuclear e Farmacia do Hospital Universitario de Ourense queremos enviar unha mensaxe de esperanza e tranquilidade ás mulleres que afrontan este proceso asistencial para o que o Servizo Galego de Saúde conta na actualidade cos medios para tratalo rápida e eficazmente”.

 

Artigos relacionados

Back to top button