OurenseÚltima hora

O 25º OUFF premiará á mellor produción galega do festival con 12.000 euros

Xa está aberta a inscricións de filmes para este festival de cine, que se celebrará do 25 de setembro ao 3 de outubro

Premios da pasada edición do OUFF./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Xa se coñecen algunhas das novidades da vindeira edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), que se celebrará do 25 de setembro e ao 3 de outubro, e na que o certame celebrará o seu 25 aniversario. Por unha banda, o Premio Galicia á mellor produción galega pasa a denominarse Premio Xacobeo e sube a contía de forma relevante xa que ascende de 5.000 a 12.000 euros.

“Trátase dun galardón transversal para calquera película de produción ou coprodución galega que participe no certame e que será concedido por unha comisión formada pola Fundación Carlos Velo, Deputación de Ourense e Xunta de Galicia”, segundo a organización. Outra das novas que traerá esta nova edición do festival referente de Galicia é a concesión por primeira vez do Premio CIMA, que recibirá a mellor directora da competición da man da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais. En total, haberá 45.000 euros en premios neste 2020.

Aberto o prazo de inscrición

O prazo para a recepción de películas que queiran participar na Sección Oficial do OUFF 2020 xa está aberto. Os filmes interesados poderán facer a inscrición a través das plataformas FESTHOME e Click for Festivals, ademais de facelo por medio da web do propio festival e do enderezo electrónico ouff@depourense.es

As películas que se presenten deberán estar producidas nos anos 2019 ou 2020. Poderán ser obras de ficción, de animación ou documentais e deben contar cunha duración superior a 60 minutos ademais de non terse exhibido nin editado comercialmente en España. O prazo de recepción finaliza o 15 de xullo de 2020. Pódense consultar as bases legais completas na web do festival.

“Tras o éxito das películas que formaron parte o pasado ano da Sección Oficial como “Parasitos”, coroada como película do ano 2019, ou “O que arde”, que o pasado sábado se fixo con seis Mestre Mateo, os premios máis importantes do audiovisual galego, esperase un gran nivel para o 25 aniversario”, segundo os promotores do OUFF. O certame está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button