OurenseÚltima hora

O 38º Día da Bici reunirá este domingo a milleiros de ciclistas en Ourense

Este evento popular partirá ás 12 horas da Alameda e discorrerá por un circuíto de 11km polas rúas da cidade

Presentaicón do XXXVIII día de bici en Ourense.

 

O Día da Bici, que este ano cumpre 38 edicións, reunirá o domingo 22 de setembro a milleiros de afeccionados ao ciclismo nas rúas da cidade de Ourense.

A cita popular era presentada no Pazo Provincial por parte do director da Área de Deportes, Marcos Vázquez; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; e o promotor do evento, Carlos Moure.

Marcos Vázquez invitou a participar nunha xornada que permite “desfrutar da cidade desde unha perspectiva diferente”, engadindo Aníbal Pereira o “carácter lúdico que tamén demanda a cidadanía” no marco das actividades deportivas, mentres que Manuel Pereira destacou a importancia da colaboración entre administracións en apoio a estes eventos.

Carlos Moure lembrou que este día serve para que “milleiros de cidadáns reclamen o respecto para os usuarios das bicicletas, e ao mesmo tempo os máis pequenos poidan gozar das rúas da cidade no único día do ano sen coches”. Se nos seus inicios o “Día da Bici” pretendía como obxectivo fundamental fomentar o uso da bicicleta, esta actividade foi consolidándose como unha festa familiar dirixida de modo maioritario aos máis pequenos.

 

 

A participación está aberta a todos os afeccionados -a inscrición só da acceso a unha bolsa promocional e ao sorteo de premios tralo remate da proba-, e o circuíto principiará na Alameda ás 12 horas e rematará no mesmo punto tras percorrer 11 quilómetros polas rúas Marcelo Macias, avenida de Portugal, Ervedelo, Progreso, Pardo de Cela, Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Eulogio Gómez Franqueira, Río Arnoia, avenida de Santiago, Caldas, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez, Sáenz Diez e de novo Progreso.

A Policía Local do Concello de Ourense informa do dispositivo de tráfico que desenvolverá con motivo da proba. Ás 10 horas pecharase ao tráfico a rúa do Progreso, desde a glorieta de San Rosendo ata a baixada da praza de Abastos, establecéndose como rutas alternativas as rúas Ervedelo e Xoán XXIII, nun sentido, e a rúa Doutor Fléming, no oposto.

E xa ás 11:30 horas pecharase todo o percorrido: rúa do Progreso, Marcelo Macías, avenida de Portugal, Ervedelo, Progreso, Pardo de Cela, Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Eulogio Gómez Franqueira, Río Arnoia, avenida de Santiago, avenida das Caldas, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez, Sáenz Díez, praza de Concepción Arenal, Progreso e Alameda. No momento do peche do circuíto suspenderase tamén a circulación dos autobuses urbanos.

Artigos relacionados

Back to top button