Ourense prepara o asfalto de cara os vindeiros 17 e 18 de xuño, datas nas que a provincia -e en especial a cidade- acollerá a 49 edición do Rallye de Ourense-Ourense Termal (49ROU). A proba deportiva automobilística máis importante da zona foi presentada esta mañá, entre personalidades de diferentes eidos, no Xardín das Burgas.
O acto foi presentado por David Ferrer. A primeira intervención foi a cargo do presidente da Escudería Ourense, Antonio Fernández, que agradeceu a implicación e apoio de institucións e patrocinadores, así como da Garda Civil de Tráfico, Polícia Local, oficiais e voluntarios do comité de organización. Tamén interviñeron Iván Corral, presidente da Federación Galega de Automobilismo, e Rosendo Fernández en representación da Deputación Provincial. Así mesmo, participou José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta, e pechou a quenda de discursos o propio alcalde da cidade, Jesús Vázquez, que agradeceu o apoio de PSOE e Ourense en Común para sacar adiante a declaración de Fillo Predilecto da cidade ao considerado pai do Rallye de Ourense, Estanislao Reverter Sequeiros, ‘Lalao’.
Dos datos desvelados, o 49ROU manterá en xeral unha estrutura similar á de anteriores edicións, con lixeiras variacións no trazado e cunha novidade central: o reagrupamento do sábado será no Parque San Lázaro, un lugar emblemático e moi emotivo, posto que recorda as orixes desta proba da man do histórico Estanislao Reverter. Recentemente o goberno local tamén batuizou co seu nome a praza onde se ubica o edificio da Subdelegación do Goberno.
Voltando aos datos técnicos, o rallye desta edición contará cun total de 565,13 km de percorrido, dos cales 210,39 corresponderán aos tramos cronometrados. Serán once especiais distribuidos en seis diferentes, un deles o tradicional tramo espectáculo de San Cibrao, que contará coa participación do piloto Xevi Pons, campión do Mundo da categoría S2000 en 2010 e campión de España de rallyes sobre terra en 2008, 2012 e 2013. Fará unha exhibición cun Mitsubishi Lancer Evo X.
Canto ao trazado, as novidades concéntranse nun dos tramos que varía con respecto a outras edicións e desplázase até Maceda para percorrer polas rúas desta localidade algúns dos kilómetros da proba. Entre os que se manteñen invariables está o tramo do Canón do Sil.
Texto: Sara Fontenla
Fotos: Gonzalo Belay e cedidas